sábado 29.02.2020

Eutanasia

A dereita sempre emprega nos seus argumentos a falacia lóxica de facer como se os dereitos fosen en realidade obrigas. Coa lei do divorcio, íase obrigar ás parellas pola forza a que disolvesen o seu contrato matrimonial, a lei do aborto arrastraría a miles de mulleres cara abortos non desexados, a lei do matrimonio igualitario obrigaría ás persoas heterosexuais a casar con alguén do seu mesmo xénero, e todo así. Coa eutanasia, empregan o mesmo recurso argumental. A despenalización da eutanasia fará legal o asasinato de doentes crónicos, parecen dicir.

Teño para min que se trata simplemente dunha manipulación, e non de que realmente confundan permitir con obrigar, dereitos con conculcación de dereitos. No caso da eutanasia, o que se discute é se unha persoa pode dispoñer da súa propia vida no caso dunha enfermidade terminal e incurable. En ningún caso se fala de exterminio de pacientes crónicos ou de non promover os coidados paliativos, que non son nin moito menos excluíntes. De feito, parte dos coidados paliativos que se empregan hoxe en día, como a sedación terminal, estiveron no seu momento en disputa porque poden en moitos casos acelerar a morte, sendo considerados polos máis reaccionarios unha sorte de eutanasia pasiva. Hoxe en día, non se discute xa a conveniencia de aforrar ás persoas a agonía, se así o desexan.

Despenalizar a eutanasia tamén serve de garantía para os profesionais sanitarios, que moitas veces se atopan nunha encrucillada entre unha lei inxusta e o sentido común e os desexos lexítimos das persoas con enfermidades terribles. Aínda lembramos o vergoñento proceso contra varios médicos de coidados paliativos na Comunidade de Madrid, acusados e posteriormente absoltos de practicar eutanasia.

A eutanasia, entendida como exercicio pleno de dereitos, só pode ser rexeitada dende un punto de vista relixioso, no cal é deus, e non a persoa, o dono do noso destino. Por suposto, esta idea non pode ser verbalizada publicamente na actual sociedade desacralizada, pero impregna igualmente as posturas negadoras de dereitos (aborto, divorcio, eutanasia). O factor común en todas elas é a suposición de que existe unha entidade supranatural que controla as nosas vidas e decide cando debemos sufrir e cando non. Para quen así pense, as leis como as anteriores garanten tamén os seu dereito a permanecer nun matrimonio infeliz, ter fillos non desexados e morrer con dor.

Eutanasia
comentarios