Opinión

Efectos adversos (2)

O escenario empresarial e político que rodea á vacina de Astra Zeneca é desolador. Inxentes cantidades de cartos públicos investidos nunha empresa privada que posteriormente incumpre os seus acordos comerciais cos estados que a financiaron. Despois, políticos destes mesmos estados votando en contra de liberar a patente da vacina para que países pobres poidan fabricala de xeito independente. O lucro por diante da vida no medio dunha catástrofe sanitaria. 

Pero é segura a vacina? A resposta é, como sempre en ciencia, depende. Todo o rosario de despropósitos antes comentados non afectan á seguridade da vacina en si, que pode ser testada por organismos independentes ou por laboratorios con intereses opostos. Se fose fabricada de xeito público serían necesarios idénticos mecanismos de farmacovixiancia. Calquera medicamento ten efectos secundarios. Os únicos produtos que se gaban de non telos é aqueles que non fan nada, nin bo nin malo. Fármacos moi habituais como o paracetamol ou o ibuprofeno poden producir reaccións adversas graves con maior frecuencia que a que está demostrando a vacina. A frecuencia de aparición de trombos é de 1,3 casos por cada 100.000 persoas, 2,7 por cada 100.000 no caso das mulleres. Con estas cifras, é doado deducir por que non se coñecía este efecto secundario antes da súa comercialización: serían necesarias case 100.000 persoas nos ensaios para detectar o primeiro trombo. Para isto existe a farmacovixiancia post-comercialización: por amplo que sexa un estudo clínico sempre será imposible acadar esas cifras de voluntarios. Non esquezamos, ademais, que o propio coronavirus pode producir tamén tromboses.

A maioría de casos detectáronse en mulleres de menos de 45 anos, polo que parece sensato evitar a vacina neste grupo existindo outras alternativas. Porén, dada a mortalidade do coronavirus, situada entre o 0,5% e o 1%, a estatística e o sentido común non recomendan deixar de empregar Astra Zeneca noutros grupos etarios, e tratar de acadar o antes posible a inmunidade de grupo. As posibilidades de morrer por coronavirus son 100.000 veces superiores ás de padecer unha trombose pola vacina. Non parece haber moita dúbida. Outra cousa son, unha vez máis, as decisións políticas.

Comentarios