Opinión

Ecografías

A idea do goberno autonómico de Castela e León de que as mulleres que queren interromper o seu embarazo escoiten o latexo e vexan unha ecografía antes da intervención resulta absurda se non fose porque é terrible en varios aspectos.

Como xa recoñeceron en rolda de prensa, os responsables desta ocorrencia non saben moito de embarazos. En realidade, non saben nin o máis básico para implantar a medida que eles mesmos propoñen, porque a inmensa maioría das interrupcións da xestación danse nas primeiras semanas, cando nin sequera existe aínda un feto. Nestas primeiras etapas denomínase embrión, e o que se pode ver nunha ecografía é algo semellante a unha especie de cápsula ou invaxinación do endometrio. O latexo aparece na sexta semana, e incluso entón o que se escoita é máis semellante a un zunido que o que recoñeceriamos como o latexo dun corazón infantil. Nada de cariñas ou de peíños, que é o que os señores estes deben pensar que sae nunha eco 4D a esas alturas.

Aínda así, a proposta é alarmante, porque estas manobras non achegan ningunha información ás mulleres, nin o pretenden. O único que poden engadir é angustia e culpa a unha decisión xa difícil de por si, porque só están baseadas no emocional e non na valoración racional que debera guiar as decisións reprodutivas.

Aínda así, a pesar de que moralmente nos repugne, non é este o principal problema das comunidades gobernadas pola dereita. O problema real sempre resulta do recorte dos orzamentos como xeito de furtar dereitos ás mulleres. En Castela e León só unha clínica concertada en Valladolid ofrece esta prestación, e ningún establecemento público a realiza. As mulleres doutras provincias deben desprazarse para someterse á intervención. Por outra banda, as clínicas privadas poden establecer o concerto con certa liberdade, de maneira que, por exemplo, a sedación poida correr a cargo da usuaria. Non fai falla sinalar como afecta isto ao acceso das persoas máis vulnerables economicamente. Convén non esquecer, ademais, que a situación económica é un dos factores que máis peso teñen á hora de decidir unha interrupción do embarazo.

Polo tanto, o plan da ultradereita para aumentar a natalidade está moi claro: queren coaccionar as mulleres, especialmente as máis vulnerables, para que teñan crianzas que en moitos casos non poden manter.

Comentarios