Opinión

Doutrina do shock

Escribo isto ao día seguinte da manifestación multitudinaria pola sanidade pública en Compostela. Volvín emocionada pola cantidade de xente que había e pola sensación de estar formando parte dun día sinalado como non tiña dende o Prestige ou dende a LOU. Á mañá seguinte, ao abrir o correo electrónico atopei unha publicación dirixida a profesionais da sanidade na que afirmaba que o 70% da poboación do Estado estaba a favor da colaboración entre a sanidade pública e a privada.

O mesmo día, escoito declaracións de responsables políticos afirmando que "a maior privatización son as listas de espera". A Comunidade de Madrid publica un chío retorcendo as declaracións da viúva de Carlos Saura a favor da sanidade pública, no que afirma que a cidadanía non ten por que saber como se financia un determinado servizo sanitario. Algo non cadra cando as manifestacións masivas coexisten con estas presuntas enquisas e afirmacións.

Obviamente, a cifra fantasiosa do 70% é falsa. Baséase nunha mostra fantasma á que ademais se lle pregunta se estaría de acordo en ser derivado á privada en lugar de agardar na pública. Susto ou morte. É bastante diferente que non che quede máis remedio que que che pareza ben, aínda asumindo que os datos, que non sabemos de onde saen, sexan reais. 

A situación semella estar cada vez máis próxima á estratexia que describe Naomi Klein na súa obra máis famosa, A doutrina do shock: situacións extremas fan que a poboación acepte condicións que doutro xeito rexeitaría de plano. Neste caso, todo parece indicar que o desastre da sanidade vai levar as forzas conservadoras a propoñer solucións "de emerxencia" que pasen pola famosa colaboración público-privada, que non é máis que un eufemismo para falar de privatización.

Vannos presentar unha dicotomía segundo a cal, ou aceptamos a introdución das empresas na sanidade, ou nos vemos abocadas ao colapso. Nesta situación, para moitas persoas a privatización vaise presentar como os botes salvavidas do Titanic, e como nos botes salvavidas, non vai haber para todos. 

Como xa sinalei outras veces, non creo que se trate dunha emerxencia nin dunha situación accidental, senón dun plan ben concibido e executado, que a pandemia só axudou a acelerar. As manifestacións masivas son necesarias, pero non suficientes para frear o shock ao que queren conducirnos.

Comentarios