Opinión

Descanso

Moitas veces as demandas que chegan ás consultas de psiquiatría teñen que ver con sensación de cansazo constante. Unha vez descartada calquera patoloxía física, como anemia ou outras enfermidades, antes de pensar nos síntomas dun trastorno psiquiátrico habería que facer unha revisión de cuestións básicas: comes ben? Fas exercicio? Fumas ou tomas alcol diariamente? E sobre todo, dormes as horas suficientes e descansas ben? 

Os datos indican que cada vez durmimos menos horas e con peor calidade de sono. Hai moitos factores implicados, pero antes de botarlle a culpa inmediatamente ás pantallas, que en parte poden tela, cómpre reflexionar sobre o tipo de actividade que realizamos diariamente. Moitas persoas botan doce ou máis horas fóra da casa, entre os horarios laborais e o desprazamento. Se a isto lle sumamos as tarefas domésticas e de coidado, o resultado é que para moita xente a única maneira de ter un momento de ocio é tirarlle horas ao descanso nocturno. Unha frase que escoito moito é: "Non son quen de deitarme máis cedo porque é o único momento do día que teño para min".

Independentemente de que poidamos facer cousas para diminuír a sensación de cansazo, tamén sería necesario pensar no global, como sociedade. A que punto chegamos se hai que escoller entre ter algo de ocio ou durmir? Todos os discursos sobre produtividade parecen ir encamiñados non cara optimizar o tempo de traballo, senón cara a que todo sexa traballo. Incluso cando falamos de bo descanso, moitas veces é en relación a aumentar a produtividade. O descanso, entendido como tempo de sono pero tamén como tempo de ocio, non é só unha condición necesaria para ter un axeitado rendemento laboral, senón un dereito e un requirimento para unha vida saudable, entendendo a saúde como un concepto máis amplo e actual que a mera falta de enfermidade. Descansar, non facer nada ou facer cousas non produtivas non só non é unha perda de tempo, senón que debera ser o motivo polo que traballamos: para poder desfrutar o resto do tempo. Nun momento no que gran parte do traballo está mecanizado, en lugar de aumentar o tempo de ocio, parece que este non fai máis que minguar. Semella, incluso, que o de estar ociosa ten un matiz pexorativo. En lugar de medicalizar este malestar, se cadra debemos reflexionar cara onde queremos dirixirnos.

Comentarios