Opinión

Democracia e doenza mental

Na campaña electoral madrileña que acaba de rematar vimos múltiples alusións á enfermidade mental, todas elas coa intención de insultar a quen ían dirixidas.

Paradoxalmente, nin unha soa proposta relativa á saúde mental. Poden votar as persoas con trastorno mental grave? Votan realmente? Dende 2018, a lei recoñece o dereito a voto das persoas incapacitadas legalmente por motivos psíquicos, que previamente estaban privadas deste dereito. Isto acontece no marco dunha profunda modificación dos conceptos asociados á capacidade civil. Pasamos dunha visión dicotómica e totalizadora que distinguía entre capaz e incapaz a outra na que se estima que as diferentes facetas da persoa poden requirir diferentes graos de apoio. Se antes a figura do titor substituía á persoa incapacitada na toma de decisións, agora enténdese como un apoio na expresión das súas ideas, desexos e potencial. Nesta visión, enténdese que limitar o dereito ao sufraxio activo resulta unha privación intolerable de dereitos.

A pesar do recoñecemento recente desta posibilidade e de que a inmensa maioría das persoas con doenzas mentais non teñen modificada a súa capacidade civil, atopámonos con que na práctica a abstención é a norma entre este colectivo. Votar é un proceso relativamente complexo que implica certa planificación, capacidade que pode estar afectada en certos trastornos. Aquí podería entrar a figura do titor, se existe, pero non sempre é así. Por outra banda, moitas persoas afectadas destas doenzas non saben que teñen recoñecido este dereito ou, o que é peor, non se senten apeladas por estes procesos. Moitas cren que as súas condicións obxectivas non van cambiar con independencia de que opcións políticas gobernen, e que os intereses que se moven nos procesos electorais están moi afastados dos propios. Os discursos resúltanlles alleos e irreais porque poucas veces, por non dicir ningunha, se mencionan as necesidades do seu colectivo nas campañas. Os candidatos poden visitar outro tipo de lugares pero nunca un hospital psiquiátrico. Ademais, as alusións á doenza mental son sempre dende o insulto e a descualificación. En realidade estase transmitindo implicitamente que as persoas con estes diagnósticos non son as receptoras da democracia nin as protagonistas dos seus procesos. Mensaxe recibida.

Comentarios