martes 15/06/21

Cuarta onda

Apandemia non borra outras patoloxías prevalentes na poboación. Non cura o cancro nin impide que se produzan infartos. Estamos expulsando ás cidadás dos seus centros de saúde e dificultando o acceso á atención coa escusa das citas telefónicas, que moitas veces se converten nunha auténtica ginkana para lograr que alguén colla o teléfono.

Falamos da ausencia de reforzos entre o persoal médico pero, que se saiba, tampouco se habilitou un aumento do persoal de xestión e servizos, agora que as chamadas se multiplicaron por mil. Polo tanto, atopámonos con que as persoas con doenzas crónicas non están a ser debidamente atendidas, e tampouco se están a detectar novos casos de patoloxías non diagnosticadas. Esa tose que non cede ou esa dor inespecífica moi probablemente non sexa nada, pero sen a correcta exploración non podemos ter a seguridade. 

Xa se está a alertar do descenso de diagnósticos de enfermidades oncolóxicas que obviamente non diminuíron grazas ao coronavirus. As que non se diagnostican é porque non se detectan, e esta caída na detección só pode ser explicada polo menor índice de consultas en dispositivos non especializados e, polo tanto, polo menor número de estudos, probas específicas e derivacións. Pensamos que a cuarta onda da pandemia será a da saúde mental, pero posiblemente tamén asistamos a unha cuarta onda de enfermidades que serían curables ou cronificables en condicións axeitadas, pero que deste xeito custarán vidas. 

O estado español gábase de ter unha das maiores esperanzas de vida do mundo, e iso é debido en grande medida a un sistema de saúde público e universal. Países industrializados pero con sistemas de saúde privatizados, como Estados Unidos, teñen esperanzas de vida case dez anos menores e infinitamente máis desiguais. O éxito na prolongación da esperanza e da calidade de vida cífrase especialmente no control da patoloxía crónica, que é a que máis mortes produce: as enfermidade cardiovasculares, as doenzas metabólicas como a diabetes... E tamén o cancro, convertida xa en padecemento crónico en moitos casos. Se estes individuos non reciben a atención sanitaria axeitada, a súa esperanza de vida caerá drasticamente, e a día de hoxe non a están a recibir. Se os planos de manter o actual sistema, priorizando a atención telefónica e afastando os doentes dos seus centros de saúde e dos profesionais segue adiante, sospeito que nos tocará asistir a unha cuarta onda de mortes evitables e perfectamente predicibles.

comentarios