venres 18/06/21

Confinamento solitario

Estes meses nos que tivemos que limitar obrigatoriamente as nosas actividades sociais, o noso ocio e a nosa mobilidade xeográfica estanse prolongando máis do que moitas agardabamos nun principio e xa comezan a pesar. Aínda así, as máis afortunadas podemos manter certa comodidade nos nosos fogares, falar libremente con familiares e amigos, saír pasear ao aire libre... Que pasaría se nos atopásemos realmente illadas e confinadas, entre catro paredes diminutas e sen contacto con ningún outro ser humano durante semanas ou incluso meses? Esta é a situación que viven moitas persoas dentro do sistema penitenciario, aquelas ás que se lles aplican medidas de confinamento solitario, ás veces durante anos ou incluso ata que falecen. Unha práctica que Amnistía Internacional considera tortura e a propia ONU insta a eliminar. Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, ven denunciando este tipo de prácticas hai anos, así como a fráxil cobertura sanitaria da poboación reclusa. Coa actual pandemia, esta situación empeorou aínda máis en todos os aspectos. Os permisos de saída e as visitas víronse seriamente limitadas, estando nestes momentos completamente canceladas. Ademais, unha das medidas previstas ante un posible contaxio no centro penitenciario é precisamente o illamento individual. Isto, que pode parecer de sentido común, en realidade supón un castigo engadido para a persoa que o padece, porque non se trata dun illamento na comodidade do noso fogar, senón dun auténtico cárcere dentro do cárcere, catorce días privados de contacto humano. 

Capítulo á parte merecería a saúde mental da poboación que cumpre penas de reclusión. Só existen dous hospitais psiquiátricos penitenciarios no estado, nos cales a proporción internos/profesionais é de dous psiquiatras para arredor de 450 persoas. Pero nos centros de reclusión ordinarios a doenza mental tamén é frecuente, ben por existir antes da comisión do delito ben polas condicións antes descritas da propia reclusión, que doadamente poden orixinar patoloxía. Se cadra esta reclusión branda, cómoda e confortable que nos tocou vivir pode facernos reflexionar sobre as condicións de vida da poboación reclusa. Podemos experimentar dun xeito moi atenuado o que implica a privación de liberdade e deixar de frivolizar con ela, e pensar como nos situamos aquí nos puntos escuros, os temas e as dobreces aos que a sociedade prefire non mirar.

comentarios