Opinión

Ciencia e ultradereita

Aínda á espera de ver como se desenvolven os acontecementos, parece que desta vez non entrará a ultradereita formar parte do goberno estatal. Isto é unha moi boa noticia para os dereitos individuais das persoas, especialmente das mulleres e das persoas LGBTIQ+, pero tamén é unha boa noticia para a ciencia. 

Nos últimos tempos estamos a ver unha nova deriva das formacións reaccionarias cara unhas posicións inéditas previamente, polo menos de xeito explícito. Se ben as posturas ecoloxistas sempre foron para eles un inimigo máis a bater, anteriormente viamos máis ben un discurso baseado nunha idea anacrónica de progreso ligada unicamente á industrialización e polo tanto moi relacionada co eido do técnico. Actualmente, estamos a contemplar unha deriva dende o concepto de ciencia entendido unicamente como instrumento para a explotación capitalista do medio cara ao descarado negacionismo científico.

Gobernos como os de Trump ou Bolsonaro xa amosaron o seu desprezo cara a ciencia non só declarándose negacionistas do cambio climático, senón tamén provocando auténticas traxedias coa súa xestión da pandemia, motivadas pola súa negativa a tomar decisións baseadas no coñecemento obxectivo. Ao mesmo tempo, vemos como grupos ultrarrelixiosos e anticientíficos cobran maior poder e influencia cando este tipo de formacións deteñen o poder. 

No Estado español, nas comunidades que xestiona a ultradereita xa comezamos a ver as consecuencias de non comprender nin o máis mínimo cuestións básicas de bioloxía ou xeoloxía, con decisións disparatadas e irracionais como as que crearon a crise da tuberculose bovina. Xa non é só que sexan un perigo para o medio ambiente ao negar o cambio climático, senón que polo que parece negan tamén a teoría bacteriana e incluso algún principio da conservación de enerxía, ao propoñer transvases hídricos para evitar que a auga dos ríos "se perda" no mar. 

A ignorancia e sobre todo o desprezo cara ao coñecemento poden ter consecuencias de extrema gravidade, que van afectar ademais toda a poboación, e non só as persoas que os seus votantes consideran que non debemos ter os mesmos dereitos. Quen vota estas opcións políticas non é consciente de que as súas propostas van moito máis aló de restrinxir dereitos reprodutivos e individuais, senón que teñen consecuencias sobre a saúde e sobre o medio no que vivimos todas nós.

Comentarios