Opinión

Canícula

Durante a Antigüidade clásica e case ata a actualidade as persoas ricas fuxían das cidades durante os meses de xullo e agosto a causa das epidemias que se producían. A pesar de que as grandes cidades do mundo clásico, como Roma, contaban cun sistema de sumidoiros, os barrios pobres con milleiros de persoas e mínima hixiene eran enormes focos infecciosos. Denominábase a este período canícula porque se pensaba que as enfermidades viñan producidas pola aparición no ceo da constelación do Can Maior.

Durante a Idade Media e Moderna, co mesmo contexto de aglomeración e imposibilidade de tratar o lixo ou as augas residuais, en toda Europa eran endémicas enfermidades que agora consideramos tropicais, como o cólera ou as febres de todo tipo. Ás veces tratábase de enfermidades que hoxe podemos identificar, outras son doenzas sen nome que poderían corresponderse con varias patoloxías, ou incluso con virus ou bacterias xa extintas. Ao igual que non existía o VIH humano no pasado, outros patóxenos podían ser moi prevalentes hai séculos e non estar presentes na actualidade ou comportarse doutro xeito. As vacacións escolares de verán instituíronse no Imperio Romano polo risco que supuña para os nenos permanecer na cidade, en aulas asfixiantes, durante esta época do ano.

Non foi ata o século XIX cando o doutor John Snow descubriu cal era o medio de transmisión destas patoloxías. A diferenza da personaxe homóloga, este médico si sabía moitas cousas pero a teoría microbiana non era unha delas dado que non se descubrira aínda. Sabía, porén, que as familias pobres de Londres padecían esta enfermidade en maior proporción e que os casos tendían a agruparse arredor de fontes e pozos que empregaban moitas vivendas.

O xeito no que levou a cabo a súa investigación o Dr. Snow tivo moito que ver coas matemáticas e a estatística, xa que non sabía da existencia das bacterias: representou nun mapa os pozos e fontes das diferentes áreas de Londres e contabilizou os casos arredor eles. Isto permitiulle detectar os fluxos de auga contaminados e propoñer medidas preventivas, que anos despois darían lugar aos sistemas modernos de tratamento de augas. Por desgraza, Snow non viviu o suficiente para velo, pero deixou un legado que se completaría anos despois co descubrimento do axente infeccioso mediante a teoría bacteriana.

Comentarios