Opinión

Cambados

Durante as festas do Albariño en Cambados, o Punto de Atención Continuada foi cuberto por un médico procedente dunha empresa privada. A Consellería recoñece incluso que é un parche e non unha solución permanente á situación de falta de profesionais. As festas do Albariño en Cambados son máis ou menos polas mesmas datas todos os anos, non se trata dun fenómeno meteorolóxico nin dunha catástrofe natural. É un evento que reúne miles de persoas e que se planifica durante meses. Polo tanto, a improvisación non cabe aquí á hora de dotar suficientemente a asistencia sanitaria precisa. Teño para min que este tipo de situacións repetiranse cada vez máis, baixo a escusa da falta de facultativos, ata que a poboación acepte unha progresiva privatización como un mal menor, como un xeito imperfecto pero necesario para suplir a falta de profesionais. O certo é que médicos debe de haber, porque apareceu milagrosamente un da privada, como quen atopa un pokemon salvaxe. Entón, por que non na pública? A resposta é, por suposto, porque as condicións de traballo que se ofertan, ou máis ben que se impoñen, non son dignas nin razoables. Os salarios posiblemente son moito máis baixos na medicina privada, pero a sanidade galega pretende que os profesionais cubramos varios concellos simultaneamente ou que un só profesional faga fronte a aumentos da demanda como os que xeran estas festas sen ningún reforzo pero asumindo toda a responsabilidade se algo falla. 

Di Naomi Klein da súa Doutrina do Shock que o poder emprega as situacións de excepcionalidade para forzarnos a aceptar condicións que noutras circunstancias rexeitaríamos. A pandemia foi o exemplo perfecto de shock colectivo, a partir da cal se teceron discursos que presentan como inevitables as solucións neoliberais, aínda que este tipo de medidas xa aplicaban dende moito antes. Agora a diferenza é que se poden levar a cabo a cara descuberta, e serán aceptadas porque se venden como as únicas posibles. O perverso neste caso, ademais, é que se sinalan aos profesionais como os responsables por non aceptar as condicións de traballo precario que se lles ofrecen. Na sanidade pública non hai médicos non porque non existan, senón porque non están dispostos a aceptar contratos sen vacacións, sen destino definitivo ou cubrindo varias cotas e incluso varios concellos. Agardo equivocarme e que non se repita a situación de Cambados.

Comentarios