domingo 28/11/21

Cadea e trastorno mental

Como non cansarei de repetir, as persoas con trastornos mentais non cometen máis actos violentos que as que non os padecen pero si teñen máis posibilidades de ser vítimas de violencia. Que acontece nestes poucos casos? Hai un amplo consenso social sobre que unha persoa que comete un crime a causa dunha enfermidade mental non debe ir á cadea. O trastorno mental é un motivo para declarar a alguén ininmputable, é dicir, que non é responsable dos seus actos mesmo sendo culpable. A pesar disto, ata o 4% das persoas que cumpren condenas con privación de liberdade padecen unha enfermidade mental grave. Ademais, só existen dous psiquiátricos penitenciarios en todo o estado, que son os dispositivos previstos para que permanezan privados de liberdade os doentes que se considera que deben cumprir así a súa condena. Estes dous hospitais psiquiátricos padecen un problema crónico de sobreocupación, e no resto dos centros penitenciarios ordinarios os reclusos non teñen unha atención axeitada á saúde mental. 

Sabemos que a reclusión en si xa provoca problemas psiquiátricos pero, para as persoas que xa tiñan un trastorno grave, pode ser devastadora. Aínda así, os medios para atención psiquiátrica e psicolóxica nas prisións son moi escasos e a todas luces insuficientes.  As persoas privadas de liberdade non reciben atención do sistema sanitario ordinario, o cal xa resulta unha conculcación de dereitos en si mesma. Ademais, os centros deben contratar pola súa conta profesionais da saúde mental, cousa que non sempre acontece, e que, mesmo cando se cumpre, é de forma insuficiente. 

Parece que como sociedade escollemos non mirar cara ás prisións porque resultan lugares incómodos. No fondo, é como se moitas persoas pensasen que cando alguén entra en prisión desaparece como suxeito de dereito e que, dalgún xeito, “merece” todo o que lle pase mentres estea neste non-lugar. En realidade, a pena de prisión atingue única e exclusivamente á privación de liberdade, que xa en si mesma é unha medida durísima e que produce patoloxía. O dereito á saúde, á integridade física, á dignidade, deberan permanecer intactos. A falta de atención da poboación reclusa neste sentido pon en cuestión este principio e non pode ser unha condena engadida para as persoas máis vulnerables.

Cadea e trastorno mental
comentarios