Opinión

Borrando o estigma (I)

Aínda que sempre se tende a destacar o negativo das redes sociais, tamén teñen cousas boas. Unha das mellores é, para min, a posibilidade que brinda a moitas persoas de crear comunidade e atopar outras que compartan as mesmas vivencias. Para colectivos silenciados, como as persoas que padecen doenzas mentais, poden ser un xeito incrible de recuperar a súa voz e contar a súa experiencia en primeira persoa.

Un dos que con máis repercusión e máis acerto contou a súa vivencia coa depresión foi Anxo Lugilde. O seu relato en Twitter de como foi a súa enfermidade e os seus ingresos psiquiátricos, dende a lucidez, a intelixencia e a falta absoluta de morbo ou autocompaixón fixo máis para derrubar o estigma que calquera cousa que poidamos escribir os profesionais. Un ingreso psiquiátrico é duro, pero como moi ben di Lugilde, é un proceso que non se cuestiona en ningunha outra enfermidade máis que nas mentais. Pola contra, ingresar nunha sala de psiquiatría parece un fracaso ou unha vergoña para o que pasa por esa experiencia. 

Anxo Lugilde fala nas redes da súa relación coa depresión do mesmo xeito que calquera persoa cunha patoloxía crónica fala da súa doenza, e iso precisamente é o extraordinario. Porque un diabético pode falar abertamente da diabetes, de se tivo que ingresar a causa dunha descompensación, de como se volve incorporar ao traballo tras unha baixa e de cal é o seu tratamento ou as regras de saúde que debe seguir. Os pacientes con depresión non teñen esa sorte, e sobre a súa medicalización paira a desconfianza ou o medo. 

Nos últimos anos estamos a ver como cada vez máis persoas falan sobre a ansiedade ou a depresión abertamente e sen prexuízos. Non se trata, como xa teño lido, dunha mostra da debilidade e da inmaturidade da xente nova, angustiada e abafada polos problemas cotiáns. Trátase de romper o silencio e normalizar doenzas altamente prevalentes, que como todas requiren tratamentos, réximes de coidados e, ocasionalmente, hospitalizacións. Do que non se fala non existe, e non falar de doenza mental implica que as persoas afectadas e os profesionais teñamos máis problemas que outros colectivos á hora de reivindicar dereitos e medios materiais. Isto por sorte está a cambiar, grazas a persoas como Lugilde.

Comentarios