Opinión

Azul

Un dos datos que comentei no anterior artigo foi o feito de que os ollos azuis, que ás veces son empregados para esgrimir argumentos racistas, son en realidade unha mutación relativamente moderna e, en esencia, negativa. Ou cando menos, inútil. O feito de producir menos melanina nos nosos iris fai que as persoas de ollos claros paguemos unha peaxe molesta por estas cores, en forma dunha maior sensibilidade á luz e de maior proporción de certas enfermidades oculares, como melanoma uveal. Ao meu xa clásico consello sobre botar crema engado agora unha advertencia para que poñades lentes de sol.

Ademais, todas as persoas cos iris de cor diferente do marrón temos un ancestral común, que viviu hai entre 6.000 e 10.000 anos e que transmitiu esta característica aos seus descendentes. As persoas de ollos marróns, pola contra, contan cun amplo espectro de ascendentes xenéticos. A mutación responsable da cor azul desactiva o xene que media a síntese de melanina no iris, un pigmento presente tamén na pel e que serve para protexer os tecidos da radiación solar. É por isto que en latitudes máis ao norte os ollos claros son máis frecuentes, dado que esta protección podería xogar un papel menos relevante. Porén, as poboacións destes lugares, como por exemplo o pobo Inuit, poden ter tamén ollos escuros sen sufrir ningunha desvantaxe. Hai teorías que apuntan a que os neandertais poderían ter tamén ollos claros pero, de ser así, trataríase dunha mutación diferente, que nada ten que ver coa que portamos os humanos actuais

As cores azuis e verdes, en toda a súa gama, aparecen só nun 8% das persoas vivas actualmente e, no futuro, posiblemente diminúan aínda máis ata incluso chegar a desaparecer. Isto é así porque se trata dun xene recesivo, e iso significa que só se transmite en combinación con outro proxenitor que tamén o porte. Os xenes que benefician dalgún xeito aos seus portadores tenden a propagarse, porque estes teñen avantaxes para a supervivencia ou a reprodución. Pola contra, aqueles que non dan ningún beneficio, ou incluso prexudican a quen os presenta, tenden a extinguirse. No caso do ser humano, a tecnoloxía permítenos escapar, polo menos en parte, dos mecanismos evolutivos, pero aínda así as persoas de ollos claros estamos condenadas a ser unha especie de curiosidade xenética coa que fascinar ás xeracións futuras.

Comentarios