Opinión

Astenia primaveral

É frecuente ver nos medios de comunicación diagnósticos inventados ou descricións patoloxizadoras de fenómenos normais que non aparecen en ningunha clasificación diagnóstica. A depresión postvacacional ou a síndrome de Peter Pan son enfermidades inexistentes que as profesionais da saúde mental non recoñecemos e que xorden na redacción de algún xornal con fame de lectores. A astenia primaveral existe, pero non é unha enfermidade, senón unha sensación normal e fisiolóxica.

Aínda que nos pareza que somos moi diferentes dos outros animais ou vivamos moi afastadas dos ciclos anuais, en realidade somos un mamífero máis e evoluímos nun medio moi diferente ao actual. Cando as horas de luz comezan a aumentar e soben as temperaturas, moitas persoas experimentan un certo cansazo que xeralmente non interfire de xeito importante no noso día a día. Nos servizos de urxencias sabemos que a primavera é unha época mala. É frecuente que certas doenzas psiquiátricas empeoren debido a este cambio máis ou menos brusco da luminosidade, e isto ten que ver coas hormonas que segrega o noso cerebro, e que modifican a nosa actividade segundo os ritmos de luz e escuridade e tamén, en menor medida, segundo as estacións.

Os seres humanos dependemos da luz para desenvolver a nosa actividade e nos ambientes menos tecnificados tenderíamos de xeito natural a aumentar a nosa actividade nos meses máis cálidos e diminuíla nos de temperaturas máis baixas. Na actualidade podemos alterar artificialmente a luminosidade e a temperatura, pero á nosa bioloxía aínda non lle deu tempo a darse por enterada desta mudanza. Este desfase provoca que moitas persoas experimenten molestias nestas épocas, ou noten máis do normal o cambio das estacións.

Para paliar isto en certa medida, pode ser boa idea tratar de espertar coa luz natural deixando que entre no cuarto ao amencer. Se isto non é posible, existen espertadores que imitan este efecto aumentando progresivamente a luminosidade. Tamén diminuír a exposición á luz artificial unha hora antes de deitarnos, especialmente a luminosidade intensa e próxima de pantallas, e empregar filtros de luz azul mitiga estes síntomas. Manter un horario de sono regular, expoñerse todo o posible á luz natural e facer exercicio ao aire libre mellora tamén a astenia primaveral. Iso si, aínda que vos pareza que aínda non quenta moito o sol, botade crema!

Comentarios