Opinión

ABAU

Cando comecei a carreira de Medicina, a benvida consistiu nunha charla horrible na que nos informaban de que formabamos parte dunha elite e que constituímos un grupo especial, mellor e máis valioso dentro da sociedade. Se algún dos meus compañeiros creu tal cousa, seguramente a estas alturas a realidade xa se encargaría de sacalo do seu erro. Esa concepción elitista do que supón a universidade é a que se trasluce tamén agora no intento de crear universidades privadas galegas. O ensino universitario non como un xeito de formar persoas con visión crítica e profesionais cualificados, senón como marca de clase. 

Por terrible que fose a benvida, polo menos tratábase dunha universidade pública cun xeito de acceso marcado pola media do bacharelato e a Selectividade, e non mediante unha selección arbitraria. As probas ABAU, con todo o que teñen de estresantes e intrinsecamente inxustas, na medida na que o coñecemento non pode ser avaliado nunha única proba puntual, exercen un certo efecto democratizador. Todos coñecemos centros de ensino no que tratan de esquivar esta barreira elevando artificialmente as cualificacións do bacharelato ou incluso tratando de ter acceso ás preguntas do exame, pero aínda así esa barreira existe e funciona razoablemente. Crear universidades privadas dará lugar a outro tipo de elite, non a falsa elite das cualificacións nas ABAU, senón peor aínda, a de quen paga e manda. Xa nin sequera será necesario pasar ese incómodo filtro para acceder a certas titulacións, senón que simplemente a carteira ou o apelido correcto sortearán ese inconveniente. O soño de calquera neoliberal, a meritocracia das billeteiras.

As oportunidades de acceso á universidade non son iguais para todas as persoas. Dende o comezo, quen nace nunha contorna máis desfavorecida ten menos posibilidades de chegar a cursar estudos superiores, nas súas casas é máis probable que os horarios de traballo sexan longos e extenuantes sen deixar tempo para a axuda académica e sen que sexa doado contratar profesores de apoio ou actividades extraescolares. Outra barreira para o acceso son as taxas cada vez máis elevadas do ensino universitario. As verdadeiras elites son as económicas, non as persoas de primeiro de Medicina ás que nos vendían ese discurso. O que queren agora é simplemente unha universidade para ricos.

Comentarios