Opinión

Crimes de guerra, imperio e razón cínica

Fai parte da nosa condición moral sentir indignación fronte á discriminación, á desigualdade e á impunidade manifestas. Xa desde cativos, enchíanos de carraxe experimentar a crúa parcialidade disfrazada de xustiza. Sensación que, afortunadamente e malia os guións culturais de dominación, segue a nos alertar da hipocrisía e do cinismo presentes nas relación de poder. Penso, pois, que non hai dúbida da hipocrisía manifesta e visíbel no feito de que Estados Unidos, e máis esa Europa que lle rende vasalaxe, agachen, amparen ou denuncien crimes de guerra cando convén e dependendo de quen os cometa. Porque desde a súa fundación, no afán por acadar a posición de dominio global, os EEUU teñen estado inmersos en decenas de guerras e conflitos nos que as comprobacións, denuncias e acusacións de graves violacións do dereito internacional humanitario ou da comisión de crimes de guerra, sobre todo nos dous últimos séculos, foron numerosas mais con total impunidade para os culpábeis.

Fixémonos nalgúns casos da historia recente. Cunha Alemaña nazi xa totalmente derrotada e un Xapón a piques de se render, a preocupación pola ofensiva oriental soviética determinou o lanzamento de dúas bombas atómicas que acabaron coa vida de máis de douscentos mil civís nos primeiros días, acadando os catrocentos mil nos seguintes anos, segundo datos da ONU. Durante a guerra de Corea houbo abusos de todo tipo, con execucións sumarias de prisioneiros e asasinatos de civís indefensos, como a masacre de No Gun Ri. Tamén a queima de aldeas habitadas, violacións, torturas, mutilacións, uso de axentes químicos, destrución de propiedades e masacres brutais como a de MyLai, exemplifican a comisión dos crimes de guerra impunes en Vietnam. Nos vinte anos de ocupación e saqueo de Afganistán a Corte Penal Internacional constatou torturas, trato cruel e degradante, violacións e agresións sexuais e maltrato e asasinato de prisioneiros. Os bombardeos masivos e indiscriminados sobre a antiga Iugoslavia, xunto coa OTAN, causaron miles de vítimas civís e provocaron intencionadamente enormes danos económicos e ambientais. Na guerra e ocupación de Iraq, amparada en mentiras e que causou máis de catrocentos mil mortes, houbo torturas e vexacións sistemáticas, violacións, destrución xeneralizada de infraestruturas e servizos, matanzas de prisioneiros e de civís inocentes, como a masacre de Haditha, entre outras.

Cal é a reacción dos EEUU perante as demandas de responsabilidade pola comisión de crimes de guerra e de actuacións extraterritoriais contrarias aos dereitos humanos? Valerse da súa posición de potencia hexemónica coa fin de obstaculizar as investigacións, impedir posíbeis sancións e fixar un status de inmunidade e de impunidade. Amosa, tamén, un aberto desprezo á xustiza como cando, compelido pola Corte Internacional de Xustiza a cesar e absterse do uso ilegal da forza contra o goberno de Nicaragua, respondeu rexeitando a xurisdición deste órgano xudicial das Nacións Unidas e incumpriu o pagamento das compensacións económicas ás que foi condenado. Procura, así mesmo, asegurar e blindar a impunidade dos seus nacionais, negándose a ratificar o estatuto da Corte Penal Internacional e situándose fóra da súa xurisdición.

E que dicir da chantaxe e da coacción? Pois, por exemplo, que desde 2002 unha lei do Congreso impide a extradición de calquera estadounidense requirida pola Corte Penal Internacional (CPI) prohibindo que o Tribunal realice investigacións no seu territorio. Que desde 2003, EEUU decidiu cesar a axuda militar aos países que se neguen a asinar Acordos Bilaterais de Inmunidade, mediante os que se ampara a cidadáns norteamericanos fronte ás demandas da Corte Penal, forzando, así, acordos con perto de cen países. Durante a Administración Trump impuxéronse sancións contra a Fiscal Xeral e contra o Xefe da División de Xurisdición da CPI polas investigacións que estaban a realizar sobre os crimes perpetrados en Afganistán. O desvelo de Wikileaks de miles de documentos secretos, dando proba das atrocidades cometidas, desatou unha asañada persecución contra a organización e a vergoñenta situación xurídica na que se acha Julio Assange. A xustiza do imperio!

Comentarios