Opinión

Un rosaliano nas Letras

Son moitas e ben interesantes as encrucilladas que se nos presentan diante da figura do autor ó que se lle dedica este accidentado ano o Día das Letras Galegas. A capacidade extraordinaria de mobilización en múltiples ámbitos que conseguiu a celebración, a pesar de recibir críticas e paus nas rodas, converteu hai tempo o 17 de maio, con independencia da figura escolleita, nun ano enteiro de actividades realizadas baixo ese paraugas cultural. En Galicia e lonxe dela. Actividades literarias, pero tamén de moito outro tipo; incluídas as políticas, loxicamente: o Día das Letras Galegas ten un claro perfil político desde a súa creación do que non se pode desprender. Particularmente creo que resulta interesante a capacidade que o Día das Letras Galegas ten para facernos repensar a nosa historia cultural e política a partir dunha personalidade literaria, sexa esta a que for. Sempre hai motivos de interese cando pómo-los ollos nunha persoa do pasado que tivo incidencia, á súa maneira, na nosa historia. A súa vida, a súa obra, a súa xeración, o seu tempo...

Carvalho Calero é especialmente aproveitable porque ofrece múltiples facetas en diversos aspectos, non só os derivados da oposición Carvalho / Carballo (tamén se pode documentar a de Calero / Caleiro) e todos de importante impacto. Mozo galeguista, tenente republicano, preso e represaliado, narrador, poeta, dramaturgo, historiador e crítico literario, home de Galaxia, académico, profesor primeiro catedrático de Galego na Universidade... Ricardo Carvalho Calero é un vulto extraordinario da Galicia contemporánea. Con luces e sombras, loxicamente, coma todos e todas. Ás veces temos unha visión estereotipada tanto do noso pasado como dos actores e actrices protagonistas do mesmo. Creo ademais que no ámbito literario, especialmente aquí e entendido nun sentido amplo, deixámonos levar por unha preguiza que nos conduce doadamente á repetición de tópicos, a prexuízos e a clixés.

Carvalho Calero, a súa figura e a súa obra, non é alleo a esta preguiza que o Día das Letras Galegas podería facilmente paliar. Por iso a celebración, ademais de necesaria, é sempre proveitosa. A partir do seu monumental impacto na cultura contemporánea antes mencionado, non creo que fose inútil indagar e debater sobre, por exemplo, estas preguntas: é o ferrolán un heterodoxo?, cal é a historia do seu perfil intelectual e ideolóxico?, en que xénero literario ou obra destaca?, con que consideración podemos achegarnos hoxe á súa historiografía literaria?, cal é a historia de poder e exclusión no campo cultural (e político), incluída a RAG loxicamente, neste período da Galicia Autonómica?

Unha desas facetas de Carvalho Calero que cómpre ter en conta pola súa importancia e que tamén cómpre revisar é a do seu rosalianismo. Cales son os grandes perfís da Rosalía de Carvalho? As súas páxinas dedicadas á nosa autora, algunhas tamén polémicas, son inxentes. No último número de Follas novas, revista que edita a Fundación Rosalía de Castro e que dirixe Xosé Luís Axeitos, dáse precisamente conta deste feito. Aurora López e Andrés Pociña publican un artigo co título “Rosalía de Castro nas obras de Ricardo Carballo Calero”. Trátase dun estudo bibliográfico que amplía aquel “Ricardo Carballo Calero na historia do rosalianismo” de 1996. A investigación repasa as varias edicións das obras de Rosalía, os 15 estudos xerais sobre a súa obra, os 21 estudos literarios, históricos e sociais, os 12 lingüísticos, os 8 dedicados ás influencias de e en Rosalía, os 8 de tema vario e os versos dedicados á autora. Este percorrido descobre o monumental traballo do profesor ferrolán arredor de Rosalía, unha figura para el capital da Galicia contemporánea e á que se achegou con forza desde os anos cincuenta do pasado século, en concreto a partir daquel “Arredor de Rosalía”, no volume colectivo 7 ensayos sobre Rosalía de 1952, co que Galaxia e Ramón Piñeiro marcaron un rumbo ó que se incorporou o ferrolán. Pero tamén a achega de Pilar García Negro, discípula súa, constata nos mesmo número que a presenza de Rosalía en Carvalho foi permanente, ata os seus días derradeiros. A profesora rescata o artigo “Falta um capítulo em El caballero de las botas azules” entregado en xaneiro de 1990, semanas antes da súa morte.

Comentarios