Opinión

O ouro e mailo exército

Desde que as oín, quedáronme gravadas estas palabras, e non é a primeira vez que as invoco: Galicia non ten un exército nin ten unha posición xeoestratéxica relevante. Galicia carece de minas de ouro ou de pozos petrolíferos. Non é Galicia potencia económica ningunha e aínda menos demográfica. Pero Galicia ten unha lingua e unha cultura milenarias. Estando de acordo, creo que cómpre engadirlle a este discurso, en certo sentido culturalista, un perfil máis social e político. Efectivamente temos unha lingua e unha cultura milenarias, pero Galicia ten tamén unha forza nova e de agora, contemporánea: un proxecto de emancipación asociado á súa lingua e á súa cultura.

As Tanxugueiras provocaron unha auténtica febre, non só en Galicia. Fixérono xa antes, pero especialmente durante e despois do Benidorm Fest. Causaron ademais unha verdadeira enxurrada de opinións e comentarios nos máis diversos medios e desde as máis diversas posicións e inesperadas sinaturas. A participación no concurso e mailo recoñecemento do que é propio no espello do outro axudaron nesta popularidade. Naturalmente as Tanxugueiras non caeron do ceo. O seu é un traballo que cómpre situar á beira de moitos outros que, sobre todo nas últimas cinco décadas, transformaron a música galega, tamén a tradicional, converténdoa nun verdadeiro referente da nosa cultura e na súa privilexiada embaixadora internacional.

Así e todo, eu creo que en última instancia as Tanxugueiras e a súa Terra teñen unhas raíces moito máis fondas. Elas lévannos directamente á orixe mesma do proxecto. Lévannos, desde a onomástica, a Sarmiento. Foi o padre bieito o que primeiro citou, explicou e definiu a palabra teixugueira. Pero tamén foi Sarmiento quen primeiro falou, algo que despois se repetiu coma un tópico, do protagonismo das mulleres na composición e interpretación das cantigas populares en Galicia. Foi el quen defendeu as súas particularidades, quen as dignificou literariamente e quen primeiro as recolleu. Foi el mesmo quen primeiro escribiu en galego modernamente as súas copras guiándose polos principios rítmicos das nosas cantigas. A Maruxa das Rulas do seu Coloquio (1746) é un antecedente directo de Aida, Sabela e Olaia, que levan no nome a vocación enxebre e antiasimilista da onomástica de Sarmiento. E antes xa o fora da meniña gaiteira de Rosalía de Castro. Porque foi Rosalía quen con máis éxito resignificou a poesía popular galega, quen a seleccionou e a dotou de pensamento crítico e quen a puxo ao servizo da causa feminista. Ao escoitar as Tanxugueiras escóitanse Sarmiento e Rosalía: "Arriba todas, rapaciñas do lugar!". Elas tocan o pandeiriño ou a pandeira de Sarmiento e Rosalía, nunca a pandereta. No seu aturuxo e no seu canto está o "Atruxaremos, cantaremos o alalá". Nelas respiramos a mesma alegría e a mesma esperanza da "Alborada" rosaliana.

Nenos e raparigas que facían de criados en Madrid, homes e mulleres da sega en Castela, todos "volvían á terra" nas copras de Sarmiento. "Miña terra, miña terra, / terra onde me eu criei", fíxolle dicir Rosalía ao emigrante na hora do adeus. As Tanxugueiras, e téñeno moi a honra, proceden da mesma "Terra", esa cousa que só se pode dicir dunha maneira, como dicía Méndez Ferrín. E esa maneira é a que elas teñen de reeditala e de cantala.

Claro que temos unha lingua e unha cultura milenarias. Pero están asociadas a un proxecto contemporáneo, edificado desde Sarmiento e forxado con Rosalía, con pasos adiante e pasos atrás, pero sempre cos mesmos horizontes. Modulado en cada xeración e relanzo histórico, ese proxecto do que somos donos e no que a lingua e a cultura son parte fundamental e a nosa verdadeira forza. E é unha forza extraordinaria. Nel está a esperanza comunal de dignidade que nos une e mailo soño permanente que nos move: o dunha Galicia ceibe. Velaí o noso poderoso exército invisíbel e invencíbel do que forman parte as Tanxugueiras. Velaí o noso tesouro, inesgotable coma o brillo dos ouros no seu peito. Velaí a nosa fortaleza, infinita coma o resoar das súas voces e do seu aturuxo por riba de todas as fronteiras. 

Comentarios