Opinión

Oh Navia Navia!

Sabiamos de Constantino Bértolo polo seu labor de crítico literario e editor. Unha expresión súa pareceunos especialmente feliz e lúcida, polo que lla roubamos do seu ámbito español e en castelán e a aplicamos en Galicia: “narrativa (ou literatura) constitucional”, a que se somete a un canon acordado, a que non rompe nin avanza, a que non é revolución. Non tiña Bértolo que soubésemos obra poética publicada. Pois ben, agora temos enriba da mesa O gran poema (2020) que el asina como Tino de Féliz. Parécenos, por varios motivos, un libro extraordinario. Con algo máis de setenta anos, Bértolo regresa á Navia de Suarna onde fora nado e onde vivira ata os nove anos, regresa ó seu nome da infancia, a ese Tino de Féliz que asina, e regresa ó seu río da vida e mais da morte, á súa lingua. O río Navia que describira Sarmiento e a deusa Navia que citara Murguía, notable deusa acuática no panteón galaico, tan vivo e tan morto coma o panteón de Bonaval, é o sangue deste libro, que coma o salmón se achega ás súas primeiras fontes: “Alí onde o río Ser desemboca no Navia alí desembocan todas a palabras do mundo”. Pero o sangue de Tino, o poema de Bértolo, é “feito de sangue e de voces compartidas”, sangue e río comunais: “O poema reclama a fin da propiedade privada dos medios de produción do pracer a expropiación dos monopolios do desexo”. Sangue e río de vida e morte: “Oh Navia morre comigo e resucítame  Deixa que os mortos vivan ao seu xeito Deixa que os vivos morramos no teu húmido leito de auga e acibeche”.

O caso de Bértolo lémbranos o de Juan Carlos Mestre e o seu tamén marabilloso libro 200 gramos de patacas tristes (2019). Un autor consagrado e recoñecido na poesía española coma el regresa tamén á auga da infancia, neste caso ó Burbia e ó galego que nunca falou, pero que era a lingua en Vilafranca do Bierzo onde se el criou e a dun panadeiro coma seu pai. Porque Mestre cava (digging) nesa neve de fermosura idílica, nese manto de paz imposta sobre “as campas baixo as que aínda esperan un anaco de xustiza a memoria dos irmaos proletarios e os desobedientes á traizón”. Os achados de Mestre son ás veces cegadores, contra os haikus sinistros e sublimes e a literatura do ubi sunt, gardados no Hórreo do Ser heideggeriano, un bar de Lugo onde toman café Cesário Verde, o xeneral Fernández Morales e mailo esquecemento.

Beizón, Constantino Bértolo, Juan Carlos Mestre e Sara Plaza por toda esta esperanza para a República Galega, a das letras

E ben, acaba de chegarnos máis outro libro no que os poemas asumen a aparencia da prosa e no que o idioma galego volve mostrar altas capacidades literarias. Agora non hai unha paisaxe nin un río certos, pero hai tamén natureza. Son fugas noitébregas, entre a brétema, entre o orballo ou a chuvia fría, con música de avelaiona e policía. Aquí non hai espiral de regreso, pero tamén hai inscrición. Trátase de todos os pasos fan ruído (2021), o primeiro libro de Sara Plaza, unha autora instalada en Galicia desde hai pouco tempo e natural de Bustarviejo, na serra madrileña. É Sara de outro tempo e outra xeografía, pero non é allea a unha mesma inscrición literaria e política, porque a revolución é cambiar o que se ten, “coma un grande acto de amor” e “poucas revolucións tan amorosas como o orballo antes do orballo”. E nesa inscrición política están tamén en Sara Plaza os devanceiros, aqueles que, evocando a Wislawa Szymborska, “non contaban os anos, senón redes, pucheiros, casoupas e machados”, que nos fai lembrar que a eternidade dos mortos dura coa memoria e de que non hai día en que algún morto non perda a súa eternidade. Coma o derradeiro verso de Tino de Féliz: “Que breve a eternidade”. Os poemas e pasos de Sara Plaza non están lonxe do Navia nin do Burbia, nin do Ser, que agora é Sar en Rosalía ou Neckar en Hölderlin. Os tres poetas achegan as súas tomadas de posición estética que asociamos ó materialismo, nos tres hai patacas que golpean a concepción elitista da literatura: en todos eles ouvea o lobo de Uxío Novoneyra. Teñen a vontade, case explícita en Tino de Féliz, de seren un máis entre Perucho dos Merlos e Maruxa das Rulas, os do Padre Sarmiento a quen convoca riseiro Mestre na súa dedicatoria, e que son, como a propia Rosalía e esta Sara Plaza: clandestinas, errantes e resistentes. 

Beizón, Constantino Bértolo, Juan Carlos Mestre e Sara Plaza por toda esta esperanza para a República Galega, a das letras, a única que de momento existe e que convosco se nos fai aínda máis sólida, máis honrada e máis ceibe.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios