Opinión

Máximo Sar

Fóisenos Máximo Sar e con el, a piques de chegar ós cen anos, a derradeira testemuña dun mundo, a memoria viva dunha idade.

Maximino Rodríguez Buján nacera na Trabanca, ese barrio padronés da outra banda do río. Un barrio con personalidade, coa súa xeografía e a súa historia, a outra cara, a alternativa non vilega de Padrón. Na Trabanca tamén nacera Manuel Barros, un célebre xornalista e escritor emigrado, colaborador e amigo de Murguía e Rosalía, director de La nación española, diario bonaerense no que a padronesa publica a alma de En las orillas del Sar. E a Trabanca foi precisamente inmortalizada no poema que encabeza e lle dá título ó libro, cima da poesía en castelán do XIX. Nese poema Rosalía executa un camiño insólito que a leva desde Lestrobe pola Trabanca, acompañada do amigo acento do carro cantareiro, pasando pola Presa e pola Torre, deica Fondóns. E na Trabanca e en casa adxacente do Carme, moi poucos anos antes de que nacese Maximino, pasara a súa infancia escolar Manoel Antonio.

O Sar no que se criou Maximino era o mesmo que coñeceran Rosalía de Castro, Manuel Barros e Manuel Antonio

Máximo Sar era desa Trabanca de tan ilustre triloxía. Seguro que por iso escolleu para a súa propia onomástica o mesmo río da vida, que flúe alternativo e certamente vivo e non metropolitano, na súa marxe dereita. O Sar no que se criou Maximino era o mesmo que coñeceran Rosalía de Castro, Manuel Barros e Manuel Antonio, aquel das interminables voltas e das terribles cheas, que mudaban o mundo durante días e semanas. En todo caso, o río da vida levou a Maximino para outras ribeiras, as do Umia, como xuíz en Caldas. Precisamente o concello caldense publicou como homenaxe en 2020 unha Escolma de artigos xornalísticos do noso autor. Nela recóllense numerosos textos publicados en diferentes xornais e poden seguirse as grandes claves do seu traballo e do seu labor, do que fora mestre e referencia, desde La noche, Raimundo García Domínguez, Borobó.

Fóisenos con el a memoria viva do Sar de Rosalía, a de todo un tempo de activismo dentro da resistencia

Pero este libro é aínda moito máis. Nas súas páxinas, de Padrón a Caldas, entre o Sar e mailo Umia, flúen fartas correntes vitais dunha persoa que non só foi testemuña dun tempo como escritor, senón que tamén foi pragmático activista como persoa cívica e que lle emprestou xenerosamente a súa condición de xuíz, para protexelas, a moitas das causas nobres e populares. Algunhas delas foron desenvoltas en equipo, coma as do Ateneo do Ullán, da que naceu a Romaría Viquinga, ou a Xuntanza Endovélica. En todo caso, Maximino Rodríguez Buján será sempre lembrado por participar en proxectos e sucesos imprescindíbeis do galeguismo contemporáneo. El foi fundador, con Avelino Abuín de Tembra e Octavio Sanmartín, dos premios do Pedrón de Ouro, cuxa primeira entrega en 1964, sempre na horta da Casa de Rosalía, recoñeceu o poeta Faustino Rey Romero e que se converteron cos anos en toda unha referencia. El foi quen mediou de xeito decisivo no acceso ós papeis de Manuel Antonio, dado que era veciño na Trabanca, de dona Pura. Tal e como xa ponderou X. L. Axeitos, a súa ignorada lealdade ó poeta rianxeiro contrasta cos escuros avatares da edición da obra. E neste ano en que conmemoramos os cincuenta da apertura da Casa de Rosalía, Máximo Sar foi especialmente lembrado por ser un dos seus verdadeiros e incansables amigos, ocupando a tarefa de coordinación de socios durante anos e lembrándonos a dimensión comunal e colaborativa daquel esforzo. Grazas a persoas coma el, coroouse no verán de 1972 aquela gran vitoria soñada e fraguada durante décadas. Moi poucos meses despois de que o fascismo acabase coas vidas de Daniel Niebla e Amador Rey, hai agora xustamente cincuenta anos, abríase a Casa Museo Rosalía de Castro e as masas, as mesmas que encheran o Espolón de Padrón de 1957, cando se inauguraba a estatua da nosa autora á beira do Sar, podían acceder e visitala, por fin, como casa digna, como casa de todos.

Fóisenos con el, a memoria viva do Sar de Rosalía, a da Presa do muíño da Asén da Torre que nos conduce a Fondóns, a de todo un tempo de activismo dentro da resistencia. Foise con el a discreción, foise o rigor, foise a xenerosidade. Quedounos, iso si, un tesouro que para nós será inextinguible: o seu exemplo. Beizón, Maximino!

Comentarios