Opinión

Vou a Santiago, non a España

É coñecido o empeño con que as autoridades da Xunta pretenden acoutar a visión de Santiago e de Galiza a unha imaxe que as converte nun lugar de peregrinación en España, confluencia de camiños da cristiá Europa. O devoto Feixóo, acompañado do arcebispo compostelán, foi recibido en audiencia polo Papa Francisco, no mes de xuño.

O obxectivo era convidar o pontífice a peregrinar a Santiago co gallo da celebración do Ano Santo tamén en 2022. A proposta ficou nunha posibilidade a estudar por Roma. O día 1 de setembro, un famoso xornalista dunha popular radio confesional, ambos de cerne españolísimo, entrevistaba no Vaticano o Papa. Este, respondendo á pregunta de se viaxaría a España, en concreto a Santiago, como lle pedira Feixóo, respondeu: “Se vou a Santiago, vou a Santiago, pero non a España, que quede claro”. É de agradecer a soltura expresiva de Francisco, a naturalidade taxativa coa que se manifesta, alleo a suspicacias e esixencias que campan omnipotentes na ideoloxía dominante no Estado español. Seguramente, semellante frase provocou un ataque de ira soterrada no eximio axitador da Cope, reprimido con disimulo, por se tratar do Sumo Pontífice.

Temos claro que Francisco só pretendeu subliñar que, de acabar aceitando o convite, non se trataría dunha viaxe de Estado, ao Reino de España, senón que se limitará a unha dimensión relixiosa estrita: a peregrinación a unha das tres sés apostólicas, con Roma e Éfeso, do cristianismo católico: Santiago, destino dos consabidos camiños europeos que estruturarían a idea dunha Europa cristiá, conforme aos tópicos usuais. É certo tamén que o Papa non agachou a súa preferencia ou, cando menos, prioridade, a viaxar a nacións pequenas de Europa, que contan con Estado. Tamén o é que fixo observacións sobre España, o seu pasado e o seu presente, algo crípticas pero desasosegadas, sobre a necesidade de reconciliación interna, que faga posíbel a convivencia dos pobos en unidade, que a intolerancia contra o diferente impide. Nótase que ao Papa o conflito co pobo catalán non lle agrada, nos termos de intransixencia que o Estado emprega. Porén, con ou sen coñecemento da historia medieval de Galiza, Francisco Bergoglio, o Papa arxentino, pareceu, en parte, resucitar unha visión da realidade peninsular que os Papas e a diplomacia vaticana do século XII asumían. Eran tempos nos que Galiza era un reino de referencia principal, no político, no económico e no relixioso. Así para os redactores do Códice Calixtino, protexidos por Calixto II, a diferenza España-Galiza (por certo, desde Coimbra até A Coruña e Mondoñedo) é unha constante. Érao tamén, por moito que ambas formasen parte da Península, para a diplomacia e os cronistas anglonormandos, carolinxios e musulmáns, entre os séculos IX e XII. 

Mágoa que, malia tanta emigración galega na Argentina e contarmos aquí cunha das tres sés apostólicas europeas, capital do reino de Galiza e símbolo do seu poder político e relixioso na Idade Media, non se pregunte que pasou e pasa para o pobo galego aparecer tan afogado na españolidade. Non é por non sufrir as consecuencias da intolerancia e negación como pobo con dereitos por parte do Estado. O espolio e a destrución a que está sometido saltan á vista. Está habituado a negarse a si mesmo, en nome dunha españolidade suicida, sendo a Igrexa Católica unha das institucións que o nega. É tamén un pobo europeo, non máis pequeno que a maioría dos que Francisco está a visitar, porén sen Estado. Nen Feixóo nen Monseñor falaron disto. Francisco, urxe que a Igrexa galega se reconcilie co seu pobo e colabore a erguelo da prostración. Galiza e Santiago non son España, Santo Pai do catolicismo, embora non fose esta idea a da súa luminosa frase.

Comentarios