Opinión

Patria Galega

Sempre a masiva asistencia á manifestación do 25 de xullo, Día da Patria Galega, é a constatación simbólica da existencia dun relevante sector do pobo galego con conciencia de sermos unha nación. A deste ano, de forma peculiar, expresou tanto pola cantidade e variedade de persoas que acudiron, como por unha emoción colectiva contida e cavilosa, que acabamos de pasar por unha proba de lume e que, malia non seren os resultados dela nin os desexados nin os esperados, a capacidade e a vontade de existirmos, en contextos críticos, dan para resistirmos os envites, de forma que non logren anularnos.

Xa a principios dos oitenta, entón con contraste máis esaxerado, chamaba a atención de moitas persoas non organizadas no nacionalismo, porén observadoras e preocupadas polo futuro do país, a distorsión que había entre a súa capacidade de mobilizar e os resultados electorais nas urnas. Parecíalles unha anomalía que percorresen as rúas de Santiago entre 10.000 e 20.000 persoas, seguindo a convocatoria nacionalista e, nunhas eleccións autonómicas, non superar os 65.000 votos, xa non digamos a súa incapacidade para acceder ao Congreso dos Deputados.

Sen dúbida foi a organización e o activismo, a presenza en todo tipo de conflitos sociais, laborais, culturais e lingüísticos, o que dotou o nacionalismo desa capacidade de mobilizar. Así foise introducindo en segmentos da nosa sociedade o afán por vivirmos nunha Galiza que se recoñecese na súa capacidade e na vontade de ser un pobo con dereitos, consciente de si e do papel que nos asignan no Estado español. Non foi só un combate contra a resignación e o conformismo, senón, sobre todo, contra a idea de non termos capacidade como pobo e que a dependencia de España é a nosa táboa de salvación. A dinámica de crecemento electoral progresivo cimentouse nunha imaxe social galega e reivindicativa.

Entrado o século XXI, a ideoloxía da globalización veu reforzar un españolismo tóxico e agresivo. A necesidade da dinámica política interna no Estado español acabou incentivando un mapa partidario máis complexo nas forzas estatais, sen alterar o consenso respecto da unidade de España, malia os matices conxunturais ou tácticos. O nacionalismo galego actúa nun país máis debilitado na súa demografía e nos seus sectores produtivos, cunha hexemonía electoral e ideolóxica das forzas estatais, malia a súa presenza institucional non ser irrelevante. Atópase con maiores dificultades ideolóxicas e sistémicas para avanzar no plano electoral que no século XX. Unha das maiores é o enfraquecemento das relacións de identificación dos galegos e galegas coa súa propia nación natural, non só no plano cultural e lingüístico, senón no político.

Hai conflitos que, contra a falsa conciencia da realidade, obrígannos a enfrontar os problemas porque, como pobo, vocación suicida consciente non temos. Aí hai que estar e actuar. Mais hai que lograr que máis xente olle para o país con lentes que lles fagan ver que papel cumprimos e que a leven a ter Galiza como referencia política principal ou preferente. Necesitámolo se queremos realmente avanzar. Este é o talón de Aquiles do nacionalismo galego. Naturalmente non se trata só dunha estratexia electoral, senón de reforzar instrumentos colectivos e mellorar e ampliar a forma de intervención social co obxectivo de que haxa a cada paso máis pobo galego consciente politicamente de selo, con vida e criterio propios.

Comentarios