Opinión

Guerra e totalitarismo informativo

Vai para un ano e catro meses que comezou a guerra ruso-ucraína, segundo a información occidental. Non obstante, o conflito, mesmo baixo forma armada, é moi anterior. A súa xestación é inexplicábel sen a estratexia dos USA e OTAN verbo de Rusia, após a disolución da URSS. Nela o papel de Ucraína é central. A esta altura, resulta máis que inxenuo non admitilo. Admíteno os propios patrocinadores do réxime de Kíiv. Botan toda a leña ao lume para espremer o papel instrumental de Ucraína, embora sexa a costa da inmolación do seu pobo, con tal de obter algún éxito. O mínimo sería contar cun Estado como Israel nunha zona de grande importancia xeo-estratéxica, armado até os dentes, refén dos USA, vangarda da OTAN e da civilización occidental. Os efectos desta estratexia están a ser moi negativos para os estados da UE, converténdoos en satélites políticos dos USA e agravando a súa crise económica e política. Enfeudados a unha visión da realidade mundial e europea, contraria aos seus propios intereses, optaron por  conformar unha opinión pública monolítica, privada de análises e debates, carente de información fiábel, consistente en propaganda de guerra do bando en que militan. É esperábel que a información dun bando e a do outro estea tinxida dunha intención que non vai guiada pola verdade senón pola intoxicación, pois dunha guerra psicolóxica se trata tamén. Porén, o grave aquí é que, para alén de enlordarnos cun bando cuxas razóns son máis que discutíbeis, se participe dunha axitación belicista deplorábel. Inzaron a sociedade dunha irracionalidade emocional que converteu todo o ruso en hostil e demoníaco.

Esta concepción cae no racismo cultural e obnubila un feito incontestábel: os rusos son europeos, de civilización cristián, máis avanzados tecnolóxica e cientificamente que nós. Este maniqueísmo, máis aló do político, inculca unha apreciación do suposto inimigo, como inferior moralmente, bruto. O rosario de ataques, prohibicións, boicots, discriminacións, embargos e espolios contra todo o ruso en Occidente traspasou os límites de calquera racionalidade, violando o dereito internacional, as mínimas normas do Estado de dereito, que tanto cacarexan as democracias occidentais. Lograron inzar boa parte da opinión pública de hostilidade contra un suposto inimigo imaxinario. Porén, hai evidencias que nos obrigan, e a cada paso máis, a recoñecer que o que está ocorrendo, como mínimo, non se acomoda ao esquema maniqueo e fraudulento dos que din, debe ser por inspiración divina, estar do lado correcto da historia. Desde logo, o seu cinismo non ten cura. USA, Francia e Inglaterra, no Consello de Seguridade da ONU, perante a sabotaxe contra a presa de Kakhovka e as súas consecuencias catastróficas, após recoñecer que non se podía acusar a Rusia deste feito, concluíron que, de todas formas, era culpábel, porque, segundo eles, foi quen provocou esta guerra. A culpabilidade prefabricada. Lembran, cando xa ao inicio dela, alguén se cargou os gasodutos Nord Stream 1 e 2 que fornecían gas ruso a Alemaña? Segue a ser un misterio na información oficial. Porén, todos sabemos quen foi e para que. Até eles mesmos o filtran, iso si, desde as súas cloacas. Ninguén esixe responsabilidades por aquí. A causa maior esixe silencio e impunidade. De que superioridade moral nos falan? De habelo, é este o lado correcto da historia?

Comentarios