Opinión

Confusión interesada

Sempre existiu unha manipulación interesada da linguaxe para facela servir a propósitos confusionistas. Esta manipulación é máis doada se se tratar de cuestións relacionadas co pensamento abstracto, en particular co político. Hoxe é frecuente lermos e escoitarmos que o nacionalismo provocou dúas guerras mundiais. Ou que está a producirse unha reacción nacionalista en moitos Estados, incluídos os da UE. Na Galiza falamos de nacionalismo galego, se ben algúns sectores nacionalistas prefiren denominarse soberanistas ou independentistas. Porén, en artigos ou entrevistas de Nós Diario, con frecuencia, alúdese ao nacionalismo español, emprégase galeguismo en substitución de nacionalismo, ao tempo que persoas e sectores de partidos declaradamente anti-nacionalistas poden ser consideradas galeguistas. Nunha palabra, estamos perante un termo maleábel en exceso, que pode significar mesmo movementos antagónicos, e que foi inxectado dunha carga negativa nos seus usos máis sistémicos, os hexemónicos ideoloxicamente, os orixinados nos aparatos de propaganda dos Estados que máis se significaron na articulación da globalización imperialista. Porén, a connotación negativa e a confusión téñense espallado, con maior ou menor énfase, por toda a parte. O éxito manipulador consistiu precisamente en lograr que o termo soe a negativo, de forma que non se poda razoar xa sobre se se está a usar con certo rigor, isto é, para referirse a un movemento político de forma denotativa e coherente, ou de forma contraditoria e connotada, borrando así todo intento de indagar o seu significado dominante orixinario, pouco confusionista. No noso contexto cultural, até finais do século XX, nacionalismo foi o movemento de liberación das nacións sen Estado que loitan por teren un propio, por se autodeterminaren. Nas súa acepción máis xenérica e afectiva, apego á nación e canto lle pertence ou doutrina que enxalza a personalidade nacional. Non se entrara no caos intencionado aínda. Fun formado na España franquista. Nunca escoitei nin lin que o seu bando fose o bando nacionalista; érano os considerados os seus inimigos mortais os separatistas vascos, cataláns e galegos. A Alemaña hitleriana era nacional-socialista, non nacionalista. As guerras mundiais foron unhas guerras imperialistas, polo dominio ou a hexemonía.

O tema ten moita importancia pois revela como se desenvolve o combate ideolóxico e a facilidade con que acabamos interiorizando as visións interesadas dos que controlan as factorías que emiten a ideoloxía dominante. No caso das nacións sen Estado, aceitar un uso tan maleábel, de connotacións negativas, contraditorio, sen contraste co pasado e a evolución histórica, aboca os seus movementos nacionalistas ao eufemismo, ás veces de aparencia radical, e a alcumar os seus máis feroces inimigos de seren tamén nacionalistas. Prodúceme perplexidade e mágoa ler que Ayuso é nacionalista madrileña ou que Vox e o PP son nacionalistas españois. Hai un pequeno detalle cualitativo e diferencial: a súa actitude é defensiva do seu ou agresiva contra os outros? Senten o Estado español como propio e representativo da súa nación ou non? A resposta dános todo o peso destrutivo do seu deseño: centralismo, españolismo, xenofobia, imperialismo, por moi decadente e para consumo interno que sexa. A contradición nacionalismo/imperialismo é a que pode axudarnos mellor a desfacer a confusión interesada.

Comentarios