Opinión

Alaridos do vermello e marelo

Diría Valle Inclán. E faría un esperpento sobre o empalago españolista que afoga toda racionalidade política e asolaga calquera asomo de mudanza estrutural  do Estado e do modelo económico, social, cultural e lingüístico que o sustenta. Como non teño esa capacidade, voume limitar a expresar o meu desasosego perante os efectos dese empalago pensando en nós, os galegos e galegas, na Galiza. Comezarei subliñando a necesidade de sermos conscientes de que, cando unha situación se vive como imposíbel de mudar, ben por non existir ese empeño, consideralo inviábel ou o mellor dos mundos posíbeis, a escena política se vai encher de xestos histriónicos, golpes de efecto mediático e total ausencia de debate sobre os problemas reais e de fondo.

Todo entra polo funil da banalización, conforme a sobados estereotipos. 

A auto-xustificación  de Pablo Iglesias para saír do actual goberno estatal responde a esta dinámica. A verdade é que os factores causais que realmente a provocaron foron tres que resultaban confluentes na súa necesidade: a) a inviabilidade de manter un discurso testemuñal crítico desde dentro do goberno por máis tempo, de nulo efecto práctico, sen que a súa credibilidade ficase totalmente destruída, para alén de resultar unha distorsión que o socio maioritario non estaba disposto a tolerar de forma indefinida; b) a ocasión para recuperar o buzo esquerdista como paladín do combate electoral contra a estrema dereita e o fascismo, en procura da aureola perdida, sen abandonar o escenario madrileño como centro da política española, contribuíndo así a reforzalo nesta función; c) a conciencia de o seu partido correr perigo de ficar barrido na contenda electoral madrileñista de maio, o que significaría entrar nunha crise irreversíbel. Nunha palabra, nada pintaba no Goberno de España. Tiña unha nova oportunidade. Dáballa en bandexa a inefábel Ayuso co seu socialismo ou liberdade, mudado en comunismo ou liberdade, coñecida a aposta do líder podemita. Causa estupor que se poida acreditar nunha visión  tan afastada da dialéctica política real. Domina no Estado español un capitalismo global, que impón a súa política en todos os aspectos, e unha submisión total aos ditados da UE. Os alaridos da España só se destinan a asustar, ameazar e perseguir os pobos que, por intentar subsistir, discrepan da súa unidade sagrada e da política que a ten como obsesión.

Desde Galiza vemos como toda a dinámica política allea nos abafa, ocupando o centro de atención da nosa sociedade. Os affaires institucionais partidistas como os de Madrid e Murcia asolagan os telexornais e mesmo programas de suposto debate da RTVG, por se non abondase cos medios de ámbito estatal. Mentres todos os problemas graves da nosa sociedade trátanse malamente, de esguello,  ou son obviados. O Parlamento Galego e os seus debates son máis que residuais para unha RTVG que pagamos con cartos públicos e para outros medios que reciben cuantiosas subvencións da Xunta. Calquera ocasión serve de pretexto para convidar persoas de fóra, no canto de expertos de dentro, para o español reinar e incidir en que somos unha provincia desa España e dese Madrid sen os cais non poderíamos nin comer. Estamos soportando a quen, un día si e outro tamén, nos nega como pobo, utilizándonos, iso si, como carne de canón, en contra dos nosos propios intereses, para chegar aos máis altos cumios da fortuna na corte madrileña. Non esaxero se afirmo que o noso principal problema reside en padecer un desvío permanente da nosa atención sobre o noso propio país, atordados polos alaridos do vermello e marelo, os mesmos que fixeron repugnar a Valle Inclán da españolidade. 

Comentarios