Opinión

Carta aberta aos Sres. Presidentes da Xunta, Movistar e Abanca

No medio rural galego, os servizos públicos, tanto das institucións como os prestados por grandes empresas privadas, deterióranse día tras día, o que provocará en pouco tempo o despoboamento do rural debido á dependencia, cada vez meirande, que temos da tecnoloxía para o desenvolvemento dunha vida digna e acorde cos tempos.

As declaracións de intencións non se corresponden coas actuacións. Todos os días escoitamos nos medios de comunicación declaracións de responsables políticos e recibimos no móbil mensaxes que nos transportan a un mundo irreal. Teremos un medio rural conectado e bla, bla, bla... Dotaremos o rural de servizos e bla, bla, bla... Fala con nós e deixa que che expliquemos e bla, bla, bla... Pero Movistar ten totalmente abandonadas as liñas fixas e para que arranxe unha avaría hai que chamar repetidas veces e podes estar catro, cinco e até sete días sen teléfono e sen internet. A cambio, iso si, regálanche datos móbiles, como se iso compensase os prexuízos que supón para os gandeiros e gandeiras, comerciantes, autónomos, pequenos empresarios e pequenas empresarias, que tamén os hai, e mesmo para calquera particular.

Abanca pecha oficinas e nas que mantén reduce a dous días a atención personalizada, sen ter en conta que unha gran parte dos seus clientes somos persoas maiores que necesitamos explicacións comprensibles e mesmo consellos, polo que podes estar ata dúas horas facendo cola, e menos mal que a atención do persoal é xeralmente moi boa.

A Xunta de Galiza, allea aos problemas do rural, aproveita calquera ocasión para suprimir transporte escolar, pechar colexios, non substituír durante semanas ou meses (si meses) as baixas do persoal sanitario, pero subvenciona caixeiros automáticos para facilitar o peche de oficinas bancarias.

A rede de antenas móbiles é tan cativa que en moitos lugares non hai cobertura ou é moi deficiente. Para cando o 5G? Estamos fartas!

Comentarios