Opinión

Internet, barra libre de poesía

Hai uns días o poeta leonés Antonio Manilla púñase en contacto comigo a través das redes sociais para contarme que tiña sido vítima dun plaxiador. Un suposto escritor peruano viña de gañar un certame no seu país empregando un texto do leonés. Un texto premiado e divulgado nun volume colectivo e que tamén foi aventado en internet. O nome do plaxiador resultoume inmediatamente familiar. Un ano atrás, o mesmo aspirante a escritor gañaba un certame literario en Guijuelo (Salamanca) cun texto meu que xa tiña sido premiado había anos noutro certame e tamén publicado en internet, o que permitiu confrontar as dúas versións, a miña e a do plaxiador, e ver que o moi preguiceiro non se molestara nin en mover unha soa coma. Nin en mudar o título.

Que leva a unha persoa a rastrear a rede na busca de textos literarios de calidade e envialos a certames para gañalos fraudulentamente? Eu supoño que o mesmo que move a lexítimas autoras a escribir e presentarse a certames: un pequeno recoñecemento, unha pequena publicación, se cadra unha recompensa económica. Pero, que recoñecemento, máis alá do exhibicionismo case obsceno pode haber en recibir un premio por algo que non é teu?

O nome do plaxiador resultoume inmediatamente familiar. Un ano atrás, o mesmo aspirante a escritor gañaba un certame literario en Guijuelo (Salamanca) cun texto meu

 

Naqueles días da fraude de Guijuelo fun do humor ao espanto. Humor porque a xente se dirixía a min dicíndome cousas como “que bo gusto ten o plaxiador” ou “texto dobremente premiado”. O espanto vén cando entendes que se moves os marcos do roubo desde algo tan intanxible como a propiedade intelectual a algo máis material como, por exemplo, un coche ou unha vivenda, a cousa xa non ten tanta graza. A ninguén se lle ocorriría dicirlle a unha persoa a quen lle acaban de desvalixar o piso “escolleron a túa casa por seres a mellor decorada” ou “o roubo proba a calidade das túas cousas ou o teu bo gusto para mercalas”.

Hai unha tendencia xeral a pensar que a cultura é de todas e que podemos apropiarnos dela. A cultura, por suposto, éo, pero os produtos culturais son iso, produtos, cousas, e son da propiedade de quen os crea ou de quen os merca.  Seguindo a norma da cultura universal e gratuíta poderiamos roubar libros, cadros, música ou fotografías. Por que, daquela, vemos como normal que o roubo (e falo de roubo e non de plaxio) de poemas, contos, libros enteiros para que se lucren con enganos outras persoas que nin se teñen molestado en versionar o orixinal para agochalo igual que se fai coa matrícula dun coche roubado?

Dicíanme tamén algo así como “isto é a piratería da literatura”. Pois ben, tampouco o é; a piratería reproduce un orixinal pero mantén todos os elementos cos que foi creado: apariencia, estrutura, imaxe, contido e, sobre todo, autoría.

Seguindo a norma da cultura universal e gratuíta poderiamos roubar libros, cadros, música ou fotografías

 

Non, non me fai graza. Non, tampouco a ilusión do triple premio. E digo triple porque indagando no plaxio/roubo a Antonio Manilla descubro con estupor que o segundo premio no dito certame volve recaer sobre o mesmo texto meu que se plaxiou en Guijuelo. Non é unha casualidade senón que descubrimos que o primeiro premiado e a segunda son probablemente ou cómplices ou a mesma persoa e que levan sobre as súas costas cincuenta denuncias por roubo de propiedade intelectual, tanto deste como do outro lado do charco. Que xa se lles retiraron premios tras demostrar que non eran da súa autoría e, aínda así, seguen libres, impunes, inútiles para crear por si mesmos, pero mestres do dobre clic e do cortapega que, sendo toda esa a súa molestia, xa lles ten reportado algún que outro recoñemento.

Mentres, quen nos defende a nós das bibliópatas? A xustiza non se molla en temas de cultura e menos que supoñan poñer unha perna nun hemisferio e a outra no outro. Os axentes asesores non responden se quera ante a petición de consello. Así que o único que nos resta ás autoras é tomar a xustiza pola man e dar nomes e apelidos. E eu acuso a Carlos Alberto Cachay Flores e Ana Cecilia Marín de plaxio reiterado e enorme retraso mental (cambiade os títulos, polo menos, oh).

Comentarios