Opinión

Unídevos a Nós

[Consello de Administración]

Cando Sermos Galiza anunciou a saída de Nós Diario aclarou, perante os millares de persoas que acudiron aos actos de presentación do proxecto, que a versión en papel sairía CINCO días á semana. Non imos reproducir as razóns que daquela argüimos mais si cabe lembrar unha: que non é unha práctica infrecuente e que hai ou houbo exemplos na Galiza e fóra dela que así o verifican, a comezar pola prensa de información económica e a seguir por outra de información xeral.

Tamén sabiamos que esta periodicidade de saída entraba dentro dos medidores habituais das axencias de control de difusión. O que non sabiamos, nen o grupo promotor nen as máis de 3.000 persoas subscritoras, era que o Goberno galego, co señor presidente á fronte, ía empregarse a fondo para privar os seus compatriotas dunha voz non presa por ningún grupo de presión. Unha voz que só se debe ás persoas que fan posíbel que exista Nós Diario. A elas apelamos máis unha vez. Coas que xa somos e coas que virán, faremos unha Galiza máis informada e, daquela, máis capaz de facer fronte ás políticas caciquís do Goberno Feixoo.

Comentarios