Opinión

Unha xanela aberta

[Alberte Mera]

Vivimos tempos consagrados aos mercados, onde se nos inocula o individualismo, o sálveme eu propio e a busca dunha acomodación persoal disgregada da sociedade para, sempre, beneplácito da clase dirixente, que son as multinacionais, no caso estatal asentadas nunha elite madrileña, e o elenco que compón o IBEX, onde os marcos competenciais dos poderes lexislativos e executivos son cada vez máis cativos e limitados, con compracencia e resignación das persoas ás que lles toca dirixir as institucións -salvo honrosas excepcións que desafían a orde estabelecida para pór a política ao servizo do pobo-. 

E nese vórtice en que se nos inocula practicar a hipertrofia da mirada para distorcer o campo de visión e que non percibamos máis alén dos pés, hai quen se organiza e fai fronte a esa clase dirixente que co favor dos Gobernos quere manter esta terra como fonte de recursos enerxéticos para os centros de poder. Se Madrid non ten un só aeroxerador pero consome a electricidade xerada polos eólicos da Galiza -instalados en moitos casos sen respectar a economía local, vivendas e zonas de alta riqueza natural-, agora chegan os plans do Goberno español para inzar a costa galega de eólica mariña. Mais abriuse unha xanela. Obrigado a esa xente do mar da Galiza que impugnou os plan do Goberno e cuxo recurso o Supremo vén de aceptar. Seguiremos expectantes. 

Comentarios