Opinión

Un comité político

[María Obelleiro]

Levamos meses escoitando Feixoo xustificar as decisións adoptadas (e tamén as non adoptadas) para conter a pandemia no Comité Clínico que asesora o Goberno galego. Unha especie de grupo de sabios que gañou notoriedade no proceso de desconfinamento, unha vez que Galiza saíu do estado de alarma e coas eleccións galegas, pois foron eses sabios e sabias quen desenvolveron a volta a unha “nova normalidade” e quen decidiron que xullo era o mellor mes para as votacións.

Nas últimas semanas ese comité gañou aínda máis sona non tanto polas medidas propostas senón polas que non o foron. Observando con detalle quen é quen, como se informa na reportaxe de apertura deste número, entendemos por que os sabios permitiron “salvar o Nadal” e fixeron oídos xordos aos seus colegas dos hospitais, que alertaban de canto sufrimos agora. Cargos de libre designación, na súa meirande parte, con vinculación ao partido de goberno. Quizais deberan ter en conta máis méritos á hora de formar parte dunha comisión con tanta incidencia nas nosas vidas. Si, esas das que dixo Feixoo que “non volverán vivir para sempre”.

Comentarios