Opinión

Ruxe o vento

[Alberte Mera]

Inundacións, árbores caídas, alertas, transporte paralizado... Ciarán atravesa a Galiza batendo forte. Se levamos continuos días de chuvia e vento máis son os que nos agardan. As previsións non dan para moito descanso. E mentres o vento zoa hai quen saca beneficios dun mapa eólico "descontrolado" e con actores até "insubmisos". Mais non son os colectivos ecoloxistas ou veciñais quen chaman practicamente á insubmisión.

Todo o contrario, estes días vemos autodenominada "xente de orde", como as grandes enerxéticas e os membros do Goberno galego, cuestionando e atacando as sentenzas do Poder Xudicial que paralizan ou desautorizan proxectos eólicos porque estes incumpren os requirimentos de exposición previa pública ou por que agriden o medio ambiente e os espazos habitados por veciñanza repercutindo na súa calidade de vida e economía.

Mesmo esta "xente de orde", á que estrañamente se lle teñen sumado outros actores como algún sindicato estatal, critica e sinala maxistrados que teñen paralizado proxectos eólicos porque detrás deles o que se situaba era un verdadeiro e xigantesco macroparque e non varios pequenos, unha técnica, a da fragmentación, ilegal. As compañías eólicas con actividade na Galiza tiveron o ano pasado 1.989,6 millóns de euros  de beneficio. Na terra do vento, o noso é un desexado tesouro para empresas e Gobernos que non teñen reparos ante a Xustiza. 

Comentarios