Opinión

Rueda, o galego e a UE

[Alberte Mera]

Leva varios días o presidente do Goberno galego desprestixiando a iniciativa que posibilitará que a partir desta terza feira o galego sexa lingua de lei, non prohibida, no Congreso español. Onte, durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello do Goberno galego, Alfonso Rueda volveu facer mofa de que se poida falar en galego na Cámara Baixa española. Vai ser un custo, di, ter "pinganillos" e tradutores. Oxalá se lembrasen do custo que implicou prohibir a impartición en galego de materias no ensino e o conseguinte cambio de libros por tal medida inquisidora tomada por Alberto Núñez Feixoo en canto chegou á Presidencia da Xunta en 2009.

Agora, vemos o perigo de que algúns Estados bloqueen na UE a petición do Estado español -realizada no marco da negociación cos nacionalismos- para recoñecer o galego, euskera e catalán como linguas oficiais da UE —fálase das reticencias que poidan ter algúns países nórdicos ou Francia, onde se fala euskera, bretón, catalán...—. Mais ante tal perigo e ante a posibilidade de que se arruinase o anhelo histórico de que a lingua oficial da Galiza sexa recoñecida tamén como oficial da UE, o presidente da Xunta  ponse de perfil. Señor presidente e señor ex presidente galego, presidente do PP galego e español, fagan honra se a teñen de ser galegos e presionen para que os seus homólogos non boicoteen o recoñecemento internacional da lingua oficial da Galiza.

Comentarios