Opinión

Radiografía da música

[María Obelleiro]

Un estudo impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais e realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela dirixido por María Bastida e Miguel Ángel Vázquez-Taín, co apoio da Xunta da Galiza, cifra o impacto da industria musical galega en 227,7 millóns en 2022 e advirte de que xerou, nesa actualidade, 3.250 postos de traballo.

Son datos positivos que contrastan coa alta temporalidade e estacionalidade das traballadoras e traballadores que o propio informe advirte, malia seren "altamente cualificados".

Tamén se alude ao “autoemprego”, á “variabilidade” e á “fragmentación”, o que se traduce en precariedade. Por todas e todos é sabido que este é un dos factores que caracteriza este campo, sobre todo no que respecta ao tecido de base, onde o que se cobra non chega para poder vivir.

Esperemos que a Consellaría tome nota e deixe de concentrar as actuacións musicais nos macroeventos, sabendo das dificultades de gran parte das propostas galegas para chegar ás espectadoras e espectadores. Nós Diario teno claro: música galega (que, obviamente, pasa por ter a lingua galega no centro).

Comentarios