Opinión

Oración a san Veremundo

[Xoán Costa]

A contorna do Camiño de Santiago proporciona aínda hoxe unha serie de relatos asentados na tradición oral e moi relacionados con vidas de santos. Unha destas historias conta como Veremundo, monxe beneditino no mosteiro de Iratxe, levaba comida aos peregrinos que paraban no hospital do mosteiro. Como estas doazóns estaban reguladas polo mosteiro, facíao ás agachadas. Tamén se di que, para servir os peregrinos, botaba viño nunha fonte próxima ao mosteiro, tradición que hoxe mantén unha adega da localidade. 

Un día, un grupo de peregrinos chegou ao mosteiro e Veremundo recibiunos. Ao lles perguntar de onde viñan e que viran polo camiño, non puideron dicer nada, pois en nada se fixaran e nada viran. Veremundo, doído por tanta indiferenza cara ás marabillas que a Natureza oferecía e eles ignoraban, converteunos en muíños de vento, condenados a xirar continuamente sen chegar a ningún lado e sen mudar de punto de vista. Iso aconteceu, ou non, no século XI. Mil anos despois, se ollamos o horizonte da Galiza en calquera dirección e en calquera lugar só vemos muiños. Serán peregrinos?

Veremundo, de corazón cho pedimos! Deixa de castigarnos con máis muíños. Fai que as nosas fontes sigan vertendo auga limpa e non permitas que os nosos ríos corran avoltos polos residuos da industria depredadora. Amén.

Comentarios