domingo 24/01/21

Obrigado

[Xesús M. Piñeiro]

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) deu a razón aos sindicatos e decretou nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa para pór na rúa máis de 500 traballadores e traballadoras, o que condenaría a toda unha comarca, A Mariña, a un futuro negro.

É unha vitoria para A Mariña e para Galiza grazas, non debe de esquecerse, aos propios traballadores e traballadoras da planta de San Cibrao. Eles e elas foron quen desde un primeiro momento deron a batalla e a cara polo futuro de toda unha comarca; e foron elas e eles, non outros, a través das organizacións sindicais, quen levaron diante da xustiza a pretensión da multinacional de fechar a factoría.

A decisión do TSXG é, logo, unha vitoria desa clase, a traballadora, e dese modelo de organización, o sindical, que algúns teiman en dar por enterrados. 

Hoxe toca parabenizar o persoal de Alcoa e toda a comarca da Mariña. Sabían ben o que estaba en xogo e cumpriron. 

Obrigado.

comentarios