Opinión

O porqué das cousas

[María Obelleiro]

26 de decembro, tan só dous días antes de que o cadro de persoal da fábrica que Alcoa explota en San Cibrao (Cervo) realizara un referendo sobre a paralización da actividade até 2024, a empresa enerxética Greenalia anunciaba un preacordo coa multinacional estadounidense co fin de subministrarlle electricidade de orixe eólica a un prezo reducido. Tan só catro días despois era Capital Energy —sen megawatts instalados na Galiza— a que facía público un convenio semellante. Ambas as comunicacións compartían contexto: buscar o apoio da veciñanza da Mariña para parar as cubas.

Curiosamente, Alcoa cifra as súas necesidades enerxéticas en 96 megawatts e as dúas empresas non dispoñen da potencia suficiente instalada na Galiza para satisfacer semellante cantidade de enerxía. De feito, ligan os acordos ao desenvolvemento de proxectos eólicos en tramitación que, ademais, están situados en áreas non autorizadas.

O fío continuou onte, cando o presidente da Xunta anunciou que priorizaría a tramitación de parques que destinen 50% da súa produción á industria a través de acordos de prezos fixos da enerxía. Branco e en botella. Feixoo utiliza como coartada Alcoa para achaiar o terreo a uns proxectos como o parque Borrasca e Fonte de Barreiros, que non cumpren a normativa.

Comentarios