Opinión

'Nós Diario' depende de ti

[Xoán Costa]

Hai seis anos -fíxoos onte, día 24- o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. fixo público un comunicado en que anunciaba o lanzamento dun diario en papel para 2019. Un xornal construído sobre o marco da pluralidade e do diálogo con todas as asociacións e organizacións colectivas que acreditan nas capacidades da Galiza real. Actuamos co convencemento de que é necesario, é posíbel e só depende de nós. Foi a suma destes elementos a que fixo posíbel que estexamos a celebrar os 1.000 números de Nós Diario nunha conmemoración que se estende por toda a Galiza e se sustenta nunha conversa franca, aberta e plural coa nosa base leitora.

Nós Diario é un proxecto excepcional resultado dun grande esforzo colectivo, con centenares de accionistas e asinantes a faceren posíbel un xornalismo galego independente, valente e feminista que só rende contas perante a verdade e a honestidade, centrado en e por Galiza e editado integramente na nosa lingua.

Celebramos os 1.000 primeiros números e temos a firme vontade de traballar coa vista posta en celebrar moitos máis.  Temos que ser máis para seguir consolidando un espazo galego de comunicación. Temos que seguir sumando asinantes para continuar medrando, para continuar a ver o mundo desde nós. Todo isto, e moito máis, depende de ti.

Comentarios