Opinión

Nada se pode agochar sempre

[Xoán Costa]

Nos comezos deste 2023 a Corte Penal Internacional (CPI) emitiu unha orde de detención contra o presidente ruso Vladimir Putin pola súa suposta responsabilidade na deportación forzosa a Rusia de menores ucraínos desde os territorios ocupados. Trátase, din, dun crime de guerra polo que o tribunal tamén acusa a comisaria para os Dereitos da Infancia do Kremlin. O Goberno ucraíno calcula que 16.221 menores foron deportados do país desde aquela.

Nesta cuarta feira día 15 de novembro o Exército israelí recoñece que as súas tropas entraron no hospital Al Shifa. Foi despois de rodealo durante cinco días para realizar unha "operación precisa", alegando que o grupo islamita ten alí o seu principal centro de mando. Os vehículos blindados permanecen parados diante dalgúns edificios, mentres decenas de militares realizan interrogatorios e rexistros en salas e sotos de parte do hospital que alberga máis de 2.000 persoas, entre pacientes, persoal médico e, sobre todo, civís.

Desde que comezou a invasión de Gaza morreron moitos millares de persoas, moitas crianzas. A razón, os bombardeos de Israel a hospitais e a falta de incubadoras.
O asalto do exército de Israel a un complexo médico como Al Shifa é un crime de guerra. Só a CPI ignora isto aínda sabendo que nada pode ser escondido para sempre.

Comentarios