Opinión

Futuro verde para quen?

[Alberte Mera]

A Unión Europea quere que a partir do ano 2035 todos os automóbiles que se vendan no territorio comunitario sexan eléctricos. É unha ledicia pensarmos nun mundo sen coches de gasolina nin gasóleo que ensucien o ar e contaminen o país. Oxalá poder rematar cedo esta realidade. Mais as transicións, como se din, deben ser xustas e atender a todos os territorios para aquí non seguirmos a ser periferia da periferia, e non en termos xeográficos. 

A fin do coche a gasoil, gasolina ou híbrido é urxente, ao igual que urxente han de ser as axudas en función de renda e capacidade adquisitiva para poder mudar o automóbil por un sustentábel, ou é que os prezos dos automóbiles eléctricos están ao alcance das maiorías sociais? O futuro verde debe ser para todas e todos termos mellor saúde e coidarmos do planeta e non para forrar a banca a base de créditos, préstamos e hipotecas que a poboación teña que solicitar para poder acceder a un coche de última xeración.

Da mesma forma é unha fazaña apostar no coche eléctrico nun país como a Galiza que conta con 600 puntos de recarga polos 1.300 que ten o Norte de Portugal. O futuro é verde, mais non pode facerse a custa das clases populares que son as que menos teñen contribuído á destrución do medio, e a favor das grandes empresas contaminantes que tentan sacar proveito da emerxencia climática. 

Comentarios