Opinión

Encher o cesto

[Alberte Mera]

Os datos do IPC certifican o que xa se notou todos estes meses nos petos: os alimentos son 16,6% máis caros que hai un ano, ao tempo que a inflación segue a ser superior na Galiza que no Estado español (6,4% fronte a 6%). O encarecemento da alimentación entre febreiro de 2022 e o deste ano dáse ademais tendo en conta a rebaixa do IVE aprobada polo Goberno estatal nalgúns alimentos.

Por outra parte, as produtoras e produtores non ven aumentadas as súas marxes de beneficios, polo que fica por responder: quen se está enriquecendo nesta crise? Precisamente, labregas e labregos veñen de denunciar como nestes 12 meses viron duplicados os prezos de pensos, gasóleo ou abonos, e triplicados os custos en electricidade.

E isto nun contexto en que as grandes industrias do leite están a ofertar ás gandeiras e gandeiros unha renovación dos contratos lácteos con prezos á baixa. Aliás, o Índice de Prezos en Orixe e Destino amosa como determinados produtos multiplicaron o seu prezo desde que saen do campo até que acaban na mesa. O prezo do kg de tenreira pasou de 5,46 euros en orixe a 19,88 por quilo nos puntos de venda ás consumidoras e consumidores, un 264% máis.

O dono de Mercadona díxonos onte que xerar beneficios é moi bo. Lonxe do bo ou malo, o necesario é que os Gobernos tomen medidas necesarias que aseguren o acceso a unha alimentación de calidade a toda a poboación.

Comentarios