Opinión

Carreira militar

[Alberte Mera]

Preocupan e moito as mensaxes que as e os líderes da Unión Europea están a situar estes días nos medios. Alén do polémico titular dun emblemático cabeceiro da prensa española no que practicamente nos chaman a filas cunha especie de "Europa prepárase para a guerra", coñecemos que onte a Unión Europea debateu como ampliar o seu armamento, apostando por unha compra conxunta de armas dos Estados membros e por potenciar a súa industria militar. Hai anos era un discurso de moda progresista -por sorte non na Galiza, mais si noutros países e en nacións sen Estado- sumarse á idea de que un Exército da Unión Europea sería moito mellor que Exércitos estatais como no caso español. Ben, nin uns nin outros parecen boamente encamiñados, máis no primeiro caso cun Macron querendo meter oficialmente os Estados da UE nunha guerra con Rusia.

Historicamente, ás crises sobreviron guerras. Presenciamos o tensionamento durante os últimos anos no leste de Europa pola OTAN e a invasión de Rusia sobre Ucraína, a conivencia de occidente co masacre de Israel sobre Palestina e, desde logo, a posíbel vitoria de Trump abre a porta a unha guerra coa China ou o Irán -neste caso Israel está a aplanar o camiño- e retomar o ferro contra Cuba. Con este escenario, ben estaría á UE que debatese como garantir a paz e non como facer a guerra.

Comentarios