Opinión

Armémonos!

[María Obelleiro]

Quen fora o secretario xeral da ONU Ban Ki-moon apostaba en 2012 por reducir o gasto militar porque o mundo contaba con demasiadas armas e a paz, pola contra, non posuía suficiente diñeiro. O Goberno español traballa en aumentar o gasto en Defensa até un 2% do PIB, para cumprir as directrices marcadas pola OTAN. Por que non aumentar o orzamento para a paz? Por que non investir máis esforzos diplomáticos en lugar de gastar en armamento? Todo é cuestión de prioridades e de incrementarse a partida dedicada aos fondos militares haberá que detraer ese diñeiro doutros capítulos que, desde o punto de vista dun Estado democrático e que aposte no social, deberían ser albo das accións de Goberno, como a educación, a sanidade ou a I+D+i. E lembremos que estamos nun contexto de crise que se agravará debido á invasión de Ucraína por parte de Rusia.

Tras a invasión de Ucraína, os gastos dos Estados membros da OTAN engordaron o valor das empresas armamentísticas. Só nas últimas tres semanas, aumentaron as súas ganancias un 10%. Un negocio do que o Estado español tamén participa, pois en 2020 foi o quinto maior exportador de armas do mundo, cun valor de 1.200 millóns. Armémonos, mais de valor, para esgotar todas as vías do diálogo e da negociación.

Comentarios