Opinión

Amordazar

[María Obelleiro]

Resulta difícil de xustificar que a día de hoxe o Goberno español non modificara a Lei de seguridade cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza. Tamén o é o feito de que as persoas que se manifestaron o pasado 20 de setembro en defensa do uso do topónimo da Toxa (O Grove) foran multadas pola Garda Civil en aplicación da citada normativa. Curioso que no canto de punir a quen incumpren deturpando o nome oficial dun lugar se castigue a quen, de maneira lexítima e pacífica, reivindica respecto para a lingua propia da Galiza.

Pasaron seis anos desde a aprobación da Lei Mordaza, que viu luz verde cos únicos votos do PP. O Consello de Europa e a ONU emprazaron o Estado español a reformala polo seu contido represivo e, por outra banda, tanto PSOE como Unidas Podemos cargaron duramente contra ela. Porén, de momento, a derrogación só ten forma de promesa e todo apunta a que as persoas activistas que reclamaron xunto á Mesa pola Normalización Lingüística o uso correcto do topónimo pasarán a engrosar a longa listaxe de multadas.

Comentarios