Opinión

Altri e Pemex

[María Obelleiro]

Lembran aquela aventura "mexicana" do naval de Feixoo? Aqueles acordos que o ex dirixente galego asinara con Pemex e que presentara como a vía de salvación para o naval nos anos máis graves da gran recesión? Dos vinte buques prometidos, apenas se construíran dous e toda aquela operación acabara envolta nunha espiral de investigacións por corrupción.

Podería dicirse que Altri é equivalente de Pemex para Rueda, que desde hai un ano vendeu a fábrica de viscosa en Palas de Rei como a medida estrela da Xunta da Galiza. Precisamente, xa naquel momento, Nós Diario advertira dos riscos da operación e desinchara a burbulla creada ao redor dun proxecto que non pasaría do papel. Sabíase que a fábrica dependía directamente da concesión de axudas por parte da UE -un total de 250 millóns- a través dos fondos Next Generation e que, polas súas características, carecía de encaixe en todos os Perte, pois non cumpría os requisitos.

Tamén Nós Diario desmontara as bondades transmitidas pola Xunta da Galiza en relación á creación de postos de traballo. Nun primeiro momento, o Goberno galego aludía a 1.000, que máis tarde viraron en 1.500 e posteriormente en 2.500. Mais, atendendo á fábrica de trazos semellantes que Altri posúe en Portugal, a galega non empregaría máis de 200 persoas.

É doado saber que acontecerá: o Goberno galego culpará o español, aínda sabendo, desde o inicio, que o proxecto de Altri non cumpría coas condicións expostas nos Next Generation.

Comentarios