Opinión

De abortos e sanidade pública

[María Obelleiro]

A día de hoxe, o Sergas segue sen garantir a práctica de abortos voluntarios na sanidade pública, até o punto de que o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, sinalou que 35% de mulleres que acudiron á sanidade pública para interromper o embarazo de maneira voluntaria entre 2019 e 2022 foron derivadas a centros privados. Isto significa que ás mulleres non se lles garante un dereito recoñecido: o aborto seguro e de balde na sanidade pública.

O Executivo galego escúdase na obxección de conciencia de profesionais, mais é o seu deber dotar todas as áreas sanitarias dos recursos materiais e persoais para que as mulleres que abortan non teñan que percorrer quilómetros para que a interrupción do embarazo se practique no centro público de referencia. E ese deber non o cumpre, como tampouco cumpre coa dotación de prazas de formación de médicas e médicos especialistas en áreas tan delicadas como a Oncoloxía.

No día de onte, preguntamos a Alfonso Rueda por que a Xunta da Galiza non convocaba todas as prazas MIR autorizadas polo Goberno estatal para áreas como a citada e mais Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo ou Medicina Nuclear, entre outras. Veu dicir que as prazas que hai xa son suficientes. Que Galiza sexa a única autonomía que aplica a chamada 'cota autonómica' —número máximo de prazas a ocupar— xa o di todo.

Comentarios