Opinión

A UE, Madrid e nós

[Alberte Mera]

O  Goberno galego mira a Madrid, para variar, á espera de que o Estado español teña a ben recorrer a prohibición de Bruxelas a faenar en 87 caladoiros de pesca de fondo que serán vetados en augas comunitarias do Atlántico Nororiental. Galiza pode, tantas cousas, como por exemplo denunciar esta medida e acompañar o sector e as traballadoras e traballadores do mar alá onde sexa preciso para defender o medio de vida da frota galega. "A Unión Europea nin era necesaria nin progresista", que razón ten o economista Ramon López-Suevos nesta cita da entrevista que hoxe achega Nós Diario.

O Goberno galego, con Madrid de referencia, ve tamén para a capital española para actuar cando toca beneficiar as grandes fortunas: o modelo da rexión de Madrid de exonerar de impostos aos ricos aplicado con peculiaridades na Galiza implicou no ano pasado que a Administración galega deixase sen recadar 500 millóns de euros, na maior parte, de quen máis ten, evitando así unha cuantiosa achega para fortalecer, por exemplo, unha sanidade pública colapsada nestas semanas que vimos de pasar ou facer fronte a unha crise de prezos que a Galiza encabeza no Estado cunha inflación 0.5% superior á media española. Galiza onde debería estar sería no centro do seu Goberno.

Comentarios