Opinión

A lingua que separa

[Xoán Costa]

A ministra Calviño sentencia no Congreso que o español é a lingua que nos une e, en concordancia con esa idea, a que ten o potencial para atraer o investimento das grandes plataformas do mundo audiovisual; con esa mesma idea, a de promocionar o español como lingua capaz de traer investidores a Madrid e, xa de paso, posicionarse na guerra polo control do PP, a presidenta Ayuso anda por América. Coa mesma intención anda a ministra Alegría na súa pretensión de que o español teña máis presenza no sistema educativo, a mesma idea defendida polo ministro Wert. PP e PSOE, de Madrid ou de provincias, presentando, novamente, o español como lingua superior, como expresión dunha cultura superior, e, quen sabe, se dunha raza superior.

E Feixoo, perguntarán vostedes, que di? Pois o de sempre, que na Galiza a lingua non é problema. Pouco importa que non se cumpra a lei e se vulneren os dereitos que, en teoría, nos concede a propia lei vulnerada. O que importa é a lingua que une. Une ou separa?

Comentarios