Opinión

Non somos Legálitas, non somos unha asesoría...

A frase que abre este artigo pronunciouse hai uns días no VIII Congreso da CIG, e despois de dicir o que non somos, quen a pronunciou dixo o que si somos, “un sindicato de clase”, afirmación que renxe a quen consideran que no século XXI os sindicatos e as clases sociais son referencias do pasado, e que o moderno pasa por ter o teu avogado de cabeceira estilo película norteamericana. 

É cada vez máis común que as empresas abandonen o termo “traballador” e falen de “colaboradores” ou “colaboradoras”, úsase cada vez máis “emprendedor” como substituto de “empresario”, e hai dirixentes sindicais que asumen con agrado que as organizacións que representan sexan denominadas “axentes sociais”.

Adoptar eufemismos e mudar terminoloxías non é cuestión estética, leva aparellado moito máis e busca transmitir unhas determinadas ideas; neste caso busca transmitir que desapareceron as clases e que non hai conflito no mundo do traballo, senón un interese ou fin común no que o emprendedor e o colaborador están unidos. 

Hoxe o mundo do traballo parécese cada vez máis ao da primeira revolución industrial, cando non había lexislación

Ese mundo idílico só existe nos contos de fadas, hoxe o mundo do traballo parécese cada vez máis ao da primeira revolución industrial, cando a lexislación laboral era inexistente e os traballadores e traballadoras arriscaban porque non tiñan nada que perder. Pero hai unha diferenza importante, convencéronnos de que a felicidade está na gaiola de ouro chamada sociedade de consumo, e iso fai cada vez máis difícil conseguir amplas mobilizacións coas que enfrontar unha perda continuada e brutal de dereitos. Perda que conta demasiadas veces co aval duns “axentes sociais” que, infectados pola idea de buscar o mal menor e carentes de obxectivos estratéxicos, coa súa sinatura van levando a clase traballadora de derrota en derrota até a derrota final, a cambio de unhas migallas. E o que é máis grave, con esa práctica a nivel de Estado están entregando o espazo da reivindicación de dereitos dos sectores máis fráxiles da sociedade a unha extrema dereita que, de xeito demagóxico pero moi intelixente, levanta hoxe algunhas das bandeiras históricas da esquerda e do movemento sindical.

Non é novidade que significarse como membro da CIG en moitas ocasións vai acompañado de discriminación ou represión, e na empresa privada pode abrir a porta ao despido. E paralelamente espállase aos catro ventos de xeito interesado que nunca asina acordos, é o sindicato do lío e mantén posturas demasiado radicais. 

A CIG é a maior central sindical da nosa nación e conta con 76.000 persoas afiliadas

Ocúltase ao falar da CIG que non se trata dunha organización miúda ou residual. É a maior central sindical da nosa nación, conta na actualidade con 76.000 afiliadas e afiliados, que supón o 10% da poboación asalariada galega, e supera amplamente a suma da afiliación en Galiza de CCOO e UXT. Ademais, vén de situarse como primeira forza en representación sindical con 4.548 delegadas e delegados elixidos nos centros de traballo, sendo ademais a única central sindical autosuficiente economicamente, pois vive das cotas da súa afiliación e non precisa como outros de asinar acordos a cambio de subvencións.

En palabras do reelixido secretario xeral, Paulo Carril, eses son hoxe os números da CIG, non foi doado chegar até aquí e non vai ser doado mantelos, pois a dereita e a patronal ten a CIG no punto de mira, dado que non renuncia á confrontación na defensa dos intereses da clase traballadora e da nosa nación. No vindeiro proceso de eleccións sindicais, a central sindical traballará por manter a condición de primeira forza, pero de non conseguilo que ninguén agarde que entre en crise; as eleccións son un instrumento de medida moi importante pero non o son todo. O fundamental é fortalecer a central sindical facéndoa aínda máis útil, unha ferramenta de contrapoder presente no día a día dos centros de traballo, que mobilice e faga propostas sen medo de ir a contracorrente, e sen renunciar a dar a batalla ideolóxica e política para enfrontar a ofensiva españolizadora e recentralizadora, que é o xeito que ten de actuar o capitalismo nesta etapa histórica.

Comentarios