Opinión

"Marielle Franco presente!"

“A paz non é soamente a ausencia de guerra; mentres haxa pobreza, racismo, discriminación e exclusión dificilmente poderemos alcanzar un mundo de paz”. 

Rigoberta Menchú

Marielle Franco non morreu, matárona. As palabras importan. Leo con preocupación algúns titualares e textos no que se utiliza as palabras morreu, finou ou faleceu para referirse ao asasinato de Marielle Franco. Isto non é novo, acontece de xeito habitual cando se fala da vida -ou non vida- das mulleres mais, como dicía, as palabras importan e este tipo de redaccións dan a imprensión que o obxectivo é sacarlle ferro ao asunto e utilizar unha linguaxe máis calma non vai ser que a cidadanía se preocupe e ocupe. Suavizar a linguaxe non axuda, é necesario dotar a cada palabra de toda a intensidade que representa e Marielle Franco non morreu, matárona. 

O pasado 14 de marzo chegaba a nova do asasinato de Marielle Franco despois de recibir catro tiros na cabeza cando viaxaba en coche após asistir a un acto polos dereitos da mulleres no centro de Rio de Janeiro. 


Política, socióloga, feminista, militante dos dereitos humanos e traballadora incansable a prol do empoderamento feminino porque ela coñecía perfectamente as discriminacións por ser muller, negra e nacida trinta e oito anos atrás nas favelas. Din que nos seus mitins políticos, enriba dunha caixa de madeira, se escoitaba sempre “lugar da mulher é onde ela quiser” e a contundencia da consigna converteuse no seu xeito de vida. 

Ela coñecía perfectamente as discriminacións por ser muller, negra e nacida trinta e oito anos atrás nas favelas

 

Marielle Franco naceu na zona norte de Rio, na Comunidade da Maré, un dos maiores conxuntos de favelas do Rio de Janeiro que leva vivindo durante anos a violencia entre bandas e a intervención policial. O poboado onde o ritmo dos tiros marca o día a día foi o mesmo que lle quitou a vida durante a xuventude á súa  mellor amiga por mor dunha bala perdida. Este feito condúcea á súa loita, a denunciar a violencia dentro das favelas e participar como activista antes da súa posterior entrada na política. Con dezaoito anos tivo que deixar os seus estudos ao quedar embarazada e como ela mesma dicía, este feito axudouna a construírse como feminista e loitadora polos dereitos das mulleres. Pronto retoma a formación asistindo as aulas nocturnas e a través de varias becas acada o título de socioloxía especializándose cun posgrao en administración pública. 

Nas eleccións municipais de 2016 no Brasil, preséntase como candidata para o Consello Municipal polo PSOL (Partido Socialismo e Liberdade) e convértese na quinta concelleira máis votada de toda a cidade. Ocupa nese momento a Presidencia da Muller na Cámara de Rio de Janeiro. Opositora firme á intervención militar de Río de Janeiro ordenada polo presidente Michel Temer. De feito Marielle era relatora dunha comisión municipal constituída para informar dos posibles abusos realizados durante a intervención. 

A morte de Marielle Franco deixa unha fonda ferida na sociedade brasileira que xa ocupou as rúas de todo o país para reclamar xustiza (“Vamos transformar nosso luto em luta e fazer da memória de Marielle combustível”) Ela representaba a ilusión de millóns de persoas no Brasil que cren na dignidade, na igualdade, na xustiza e na posibilidade de ter opcións a pesar de ter nacido nas favelas. 

É urxente, polo tanto, unha investigación transparente pois estamos ante un crime político

 

É urxente, polo tanto, unha investigación transparente pois estamos ante un crime político. A morte de Marielle non foi casual, responde a un crime de odio perfectamente organizado. O goberno brasileiro debe aclarar canto antes este acto terrorista pois a munición utilizada no tiroteo procede dunha partida adquirida pola Policia Federal. Lamentablemente, o caso de Marielle está lonxe de ser unha excepción no Brasil, dende xaneiro de 2016 xa foron asasinadas/os 36 concelleiras/os no exercicio das súas función por motivos políticos. 

A munición utilizada no tiroteo que acabou coa vida de Marielle procede dunha partida adquirida pola Policia Federal

 

Hoxe 20 de marzo está convocada no Brasil unha grande manifestación baixo o lema “Marielle Vive” para recordar a loita de Marielle contra a desigualde, polos dereitos das mulleres, das favelas, do pobo negro, das LGBTs e de todas as que vivian calquera tipo de opresión; tal e como enuncia a portada da súa páxina na rede. 

Este artigo non pretende ser máis que un pequeno recoñecemento a unha vida guiada pola rebeldía, a resistencia e a loita. Un artigo que só quere ser unha voz máis de solidariedade e de reclamo de xustiza porque nomes como o de Marielle Franco non deben nin poden quedar no esquecemento. 


 

Comentarios